• Segue conectado
  • |

Puidera ser un agasallo dos Magos?

Pobres de nós! Non podemos darnos pena! Pobres de nós! Onde nos trae esta condena! Pobres de nós, traídos aínda pola cadea! Estamos en mans de quen máis nos estafan. Estamos en mans de quen nos sacou a propiedade pública dos servicios básicos e necesarios. E con eles fan negocio, só negocio. Aí están en mans privadas as eléctricas, e sángrannos todos os días. Mesmo mentindo o prezo e aumentando beneficios. A luz é de quen a paga, anque os encoros e as augas, e as terras polas que os ríos pasan, sexan nosas, de todos! Deles son os muros, nosas son as pedras e algún día teremos que usalas para defendernos. Malia tanto sosego precisamos de ira para erguer en digna medida dos roubos que nos perpetran. Así pasa con case todo, coas farmacéuticas que explotan a nosa saúde en base ao mesmo negocio, á rendibilidade económica, unicamente é o egoísmo duns poucos que chega mesmo a crear deficiencias para despois minorizalas. Así pasa cos bancos, nós pagamos sempre! Aínda tamén os pufos e as fuxidas a paraísos fiscais, ou con pagos blindados. Nós pagamos sempre. Así dicía un cego, e todos contaban non vía! Paradoxos da vida, que equivocados estamos. A mesma banca que nos fendeu en mil anacos, esa que houbo que rescatar a base dos nosos cartos, esa que os políticos decidiron salvar a custo da emigración de tantos, a custo das nosas privacións, a custo da nosa saúde e educación, a custo do “noso todo” que nos roubaron. E os políticos actuaron como se foran os cartos deles, déronlles crédito aos que non dan crédito, porque sempre que prestan, venden a altos prezos! Foron os mesmos políticos que resgardan aos empresarios corruptos, aos cómplices da súa mesma corruptela, aqueles mesmos que degradan a sublime dignidade do traballo, das condición xustas do esforzo e do salario. Os mesmos que ameazan con despidos, con horas abusivas, con ridículas nóminas que humillan a calquera. Aqueles amigos destes políticos que decretan á forza, que compran vontades para sacar adiante os orzamentos e logo gobernar contra de nós. Así nos vai. Temos a enerxía máis cara, os prezos máis abusivos, as pensións máis baixas, as autopistas máis caras, o leite máis barato, os impostos máis elevados. A nosa sanidade foi boa, moi boa. Hoxe xa non é tan boa e está tamén moi privatizada, masificada e restrinxida. Fixeron hospitais de titularidade pública que xestionan empresas privadas. É todo unha ousada manipulación chea de acordos dixitais, boicots, extorsións, ocultacións, roubos, presións, mediadas por fiscais e xuíces nomeados a dedo –amigos e próximos-, tribunais paralelos, casos múltiples de corrupción. Podería dicirse que un caos. A que agardamos, logo? Que máis temos que saber para botalos! Falo de todos eles, os que gobernan e os que os deixan gobernar. Pois confío que desta vez e por todas, saibamos a diferencia entre o “B” e o “V” e os arredemos da posibilidade de seguir empeorando as cousas. Apousentaron e nada fixeron ben, compracidos, mirando como todo se perde. Outros deixáronse mercar dalgún xeito, calaron e non se rebelan contra tanta soidade e pobreza, contra a tristura que nos embarga, contra a ruindade manifesta dos que enriqueceron á nosa costa. É un dereito a reclamar, necesario, o dereito de poder loitar contra as leis inxustas, tan manifestamente inxustas ou de retorta aplicación. Debemos loitar contra a inhumana condición do sometemento sen que por iso se poida condenar ou reprimir aos que loitan. Cómpre, por salubridade social e para que non se poida repetir o dano que nos fixeron, que nos están facendo. Debémonos rebelar contra as situacións de humillación que contemplan, por un lado, xente facendo colas nos contedores do lixo para buscar comida e, mentres, outros –nesa conciliación de traizóns- levando a sacas cheas e subindo os prezos dos servizos básicos, cobrando por xestionar os nosos escasos cartos mentres abusan e, por riba, logo, imos pagar os seus desfalcos. Son cómplices os políticos que todo isto consentiron, xunto con aqueles que apuran a sacar o 155 para paralizar vontades de tantos que están-estamos cansos da ignominia de saber que non se corresponden os feitos co que din, nin coas palabras divulgadas polos medios de presión social, que aceleran teimosamente a mentira. Sería un bo agasallo dos Magos porque, certamente, non resolven a situación. E o novo ano sería moito máis bo, tan só depurando responsabilidades!


Mestre e músico.
Publicado o 28 Dec 2017.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies