• Segue conectado
  • |

A Mesa solicita aplicar a ordenanza de uso da lingua galega na Deputación da Coruña

A Mesa pola Normalización Lingüística pídelle á Deputación da Coruña que faga efectiva a ordenanza de uso da lingua galega que a propia institución aprobou o 15 de setembro de 2017

Santiago de Compostela | A petición da Mesa realízase tras detectar que existen certos departamentos dependentes da Deputación da Coruña que seguen a utilizar de maneira exclusiva o castelán, chegando até o punto de non facilitar documentación ou atención en galego a pesar de ser solicitada.

A Mesa ten constatado que se incumpre o artigo 3.1 da ordenanza na que se expón que todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan relación co público fomentarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación de entrada, tanto oral como escrita, practicando a oferta positiva en lingua galega.

Do mesmo xeito, desde a entidade en defensa e promoción da lingua temos recibido queixas en relación ao incumprimento do artigo 4.3 que recolle que todos os modelos de documentación da Deputación Provincial da Coruña serán elaborados e difundidos de entrada e prioritariamente en galego, así como do artigo 4.4 que se refire a documentos e acción no cal a solicitude dos interesados/as, os cidadáns/ás teñen dereito a elixir a lingua na que se dirixen á Deputación provincial.

Para o presidente da Mesa Marcos Maceira, “estas actitudes non deben producirse nunca pero que acontezan nunha institución pública pasando por riba dos dereitos lingüísticos da cidadanía e das propias normas legais aprobadas a nivel galego e provincial, é inadmisíbel” apunta.

Maceira valora positivamente a aprobación recente da ordenanza de uso da lingua galega, coa que a institución non contaba até o de agora, o que é indicativo do atraso de tres décadas acumulado pola Deputación coas súas obrigas en relación co galego. Tamén se valoran os pasos dados en materia de promoción, difusión e normalización da lingua galega mais solicita que se axilice o cumprimento efectivo da ordenanza.

Publicado o 6 Nov 2017 en Lingua, Portada.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies. Faga click no enlace para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies