• Segue conectado
  • |

Autocrítica?.

Que non, que aínda non nos entenden. Ou non queren. A ver, non é que sexamos plurais e debamos comprendernos entre todos nós, aceptando a pluralidade e calando. Tamén hai que saber que esa é a nosa grandeza, está na diversidade, é a entidade imprescindible que dá enerxía para resistir no mundo. Sei que non sería nada do que son, nin estaría reconfortado coa miña orixe se non fose chairego e polo tanto galego, se tivera outro código de expresión natural distinto a este, se tivese outra paisaxe gravada na alma carente do verde desigual e melancólico que me envolve coa terra e me mantén na súa lentura fértil. Seguen sen querer entender que a súa condescendencia de submisión non é liberdade, non permite o exercicio de nós, do que somos. Que sempre resultamos estar secundados polo que dispoñen. Que non chega con que nos concedan o don de expresarnos no brevísimo 30% sendo xa moi xenerosos- na escola. Esa actitude de concesión servil, oféndenos e supón unha interpretación inxusta, unha invasión á nosa propiedade, que só ten un único autogoberno digno: nós. Non somos dependentes das súas decisións que desde lonxe conculcan os dereitos nosos, que queremos ser quen somos, a pesar de nos ter furtada a vontade de querernos a nós mesmos. Iso non se esquece nin se tapa con séculos de mentiras e de humillacións. Todo isto xurdirá de novo en nós, desconformes, que sabemos que a democracia e a liberdade son outra cousa que nunca sequera adiviñaron e que lles impide vernos. Nótase tamén nestes novos que colleron as administracións do estado a partir dunha moción de censura. Non nos nomearon como nación, canda as outras. Rexémonos, aínda, co atado e ben atado. Por códigos e comportamentos seudoditatoriais que nada teñen que ver coa conciliación, coa reparación. Temos aínda moitos mortos nas cunetas e miles de fantasmas presidindo entidades públicas e preferentes do país. O da xustiza é unha vergoña na que exercen herdeiros do mal e exaltan aquela vergoña, mentres por outro lado non aplican nin fan cumprir a lei consigo mesmo, ou a vella Lei da Memoria Histórica que só tenta devolver algo de dignidade e certa rectificación satisfeita. Son moitos os corifeos que lles dan voz á banca, patronal, medios de comunicación, tiralevitas e aduladores de turno e todos aqueles aos que colocan aos fillos por vía de apremo para que perdure a obediencia debida e sigamos servidores da causa que, a eles, os mantén no poleiro. Poucos son os que se rebelan e se volven contestadores deste enramado que nos confunde. Debemos superar as eivas que son moi inxustas, constatadas nos “sagrados” libros que fundamentan esta decadencia. É un deber loitar contra aquelas leis inxustas que nos condicionan, que reparten mal, que priman aos ladróns, que castigan a honestidade, que dan preferencias aos de turno, que fan valer a impunidade e a imposibilidade de sermos atendidos. Males que veñen da imposible independencia de poderes. Nótaselles a mentira. Vese como manipulan e encobren coa escusa. Tardan en explicar, empregan retorcidas formas de expresión, menten con arrogancia, conculcan dereitos en beneficio dos que espoliaron. É a corrupción no poder, e todos sabemos que a precariedade que provocan, empobrécenos a todos. Non imos cara a onde deberamos, os horizontes teñen un porvir hipotecado, así nolo deixaron. As arcas do estado están baleiras a pesar de enchernos de cargas e impostos. Non quedan fondos para os servizos públicos e sociais máis básicos. Privatizaron o rendible. Estamos a anos luz da modernidade, do sosego. Carecen desa intuición sabia que conduce á solución dos problemas e a esperanza de seguir. Non concilian vontades con solucións acordadas e acordes a cada momento. Fáltalles o don de aglutinar e, mesmo, ser simpáticos, desprendidos e bos. Viven outra realidade que non é a nosa. Por iso non lembran de nós. Agora tampouco. Resolven con decretos, quizais desde a ameaza. Derivarán solucións de confrontación comparativa, esas que agrandan diverxencias. Seguen os presos no cárcere, os nosos, aqueles que defenderon outro modo de ver as cousas. Fixérono sen probas, sen consenso xurídico, con xustizas paralelas e moitas veces contraditorias. Quizais non son dignos do pobo que din representar. Quizais non merezamos un minuto máis dos seus feitos e discursos escusados, e que nos deixan neste estado de negación que nos afoga. Quen fará autocrítica? Sen ela, non haberá recondución nin solución dos problemas. De momento, empezaron por omitirnos! Mal asunto.


Mestre e músico.
Publicado o 21 Xuñ 2018.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies