Zona Franca saca a licitación as obras do novo Centro de Negocios de Redondela

A vella edificación da Praza Ponte de Lima, unha vez rehabilitada, acollerá tamén o Viveiro de Empresas da vila

Redondela | O novo Centro de Negocios y Vivero de Empresas de Redondela encara a súa recta final. A Zona Franca de Vigo xa ten en periodo de licitación as obras da Casona da Praza Ponte de Lima, o histórico inmoble da rúa Subida á Estación, que se converterá nun equipamento de vangarda destinado ao tecido empresarial da vila. O prazo de licitación estará aberto ata o día 26 de outubro e as obras, una vez adxudicadas, poderán comezar no primeiro semestre do próximo ano 2027.

A actuación, que sae a licitación cun orzamento de case 1,7 millóns de euros, suporá una rehabilitación integral do inmoble, actualmente en ruína, cumprindo o obxectivo de recuperar patrimonio cultural e histórico de Redondela e ofertar ás empresas da comarca o modelo de dotación empresarial que a Zona Franca está a realizar en diferentes concellos da provincia. O novo espazo combinará as novas dinámicas de traballo flexible e conectividade para potenciar a creación de emprego, a innovación tecnológica e a posta en valor do patrimonio. O edificio estará dotado dun área de coworking, postos individuais e salas multiusos, preparadas para albergar a persoas autónomas, emprendedoras e micropemes.

Cara á rehabilitación, o proxecto contempla unha esixente restauración e mantemento das galerías de madeira orixinais, como elementos singulares da arquitectura tradicional galega, amais dun deseño cun incremento da superficie do inmoble expandindo a superficie útil ata o 469,54 m² e alcanzando unha superficie construída de 612,06 m². No ámbito máis tecnolóxico, destaca por unha elevada proposta de enxeñería, xa que o centro será a infraestrutura competitiva que as empresas locais necesitan para dixitalizarse e expandirse no mercado global. Os espazos contarán cun sistema avanzado de climatización para garantir a eficiencia coa máxima calidade do aire e cun consumo enerxético mínimo. Así mesmo, dispoñerá dunha rede de telecomunicacións de última xeración. A iluminación do complexo tamén será totalmente sostible.

Igualmente, por parte do Concello, seguen en marcha as obras de reforma da propia Praza na que se ubica a edificación, cuxa finalización está prevista antes de finais de ano, convertendo a zona nun espazo público, aberto e accesible. Contará cun ascensor urbano para salvar o gran desnivel coa rúa, e na parte posterior crearase un auditorio ao aire libre. A nova praza, cun espazo público de 2.300 m², será a entrada ao novo edificio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.