Zona Franca porá en marcha un plan estratéxico para Ponteareas e O Condado

Permitirá afrontar os retos da etapa postcovid e impulsar o seu crecemento económico
David Regades, a alcaldesa Cristina Fernández Davila e a concelleira Vanesa Fernández durante o acto de asinamento do convenio entre a Zona Franca e o Concello de Ponteareas. Foto de Guillermo Rodríguez.

Ponteareas | Ponteareas sumouse hoxe á vintena de concellos da provincia de Pontevedra que xa asinaron o protocolo para participar na elaboración dun plan estratéxico, que elaborará o Consorcio da Zona Franca de Vigo, que permitirá aos municipios e as súas comarcas afrontar os retos da etapa postcovid e impulsar o seu crecemento económico.

O delegado do Estado, David Regades, e a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, asinaron o protocolo no Concello.

David Regades explicou que “despois da covid, veremos cambios profundos cara unha nova orde económica e tamén novas oportunidades para o tecido empresarial. Por iso a Zona Franca quere contar cunha folla de ruta que permita, coa máxima eficiencia e aproveitamento dos recursos públicos, despregar accións de calado que revertan no desenvolvemento económico e creación de emprego”.

Cristina Fernández Davila, sinalou que “esta colaboración entre distintas institucións é un exemplo claro de sumar os recursos públicos para conseguir un beneficio para a cidadanía.

Este acordo permitirá a elaboración dun Plan Estratéxico que facilitará ao noso Goberno datos reais sobre o tecido empresarial actual, unha información fundamental para a toma de decisións de cara a impulsar novas actividades que posibiliten o crecemento económico, a xeración de emprego e a sostibilidade no noso municipio”.

“Este acordo permitirá a elaboración dun Plan Estratéxico que facilitará ao noso Goberno datos reais sobre o tecido empresarial actual”

Pola súa banda, trala aprobación recente do PXOM, a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, considera “prioritario e necesario ter unha análise exhaustiva da capacidade empresarial, do tecido e das oportunidades que podemos brindar dende o Concello. Agradezo persoalmente a implicación e colaboración de Zona Franca, a través do seu delegado David Regades. Esta será a primeira actuación para comezar o camiño da reactivación económica que tanto precisamos”.

O plan estratéxico incluirá unha exhaustiva diagnose territorial, os obxectivos estratéxicos e unha folla de ruta con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida na comarca do Condado, na que o concello de Ponteareas ten un peso significativo.

Entre os obxectivos están establecer as directrices para unha estratexia que supoña un proxecto a longo prazo, facilitar a transformación e o cambio cara a retos futuros, aproveitar as sinerxias e o potencial do territorio, así como as posibilidades de colaboración público-privada, definir actuacións específicas que supoñan un impulso definitivo para o crecemento económico e articular liñas de actuación, acordes coa Estratexia Española de Desenvolvemento Sostible, Axenda 2030.

O plan ten sete fases: diagnóstico estratéxico, workshops, estudio de casos de éxito, liñas estratéxicas, plan operativo, propostas de colaboración e monitorización para o seu cumprimento.

O plan consta de sete fases incluíndo diagnoses, workshops e folla de ruta.

Para empezar o traballo farase unha recompilación de información e datos, cunha análise profunda da situación socioeconómica actual da división económica da que forma parte o concello. O traballo farase tendo en conta a repercusión social e económica que está a ter a crise da Covid-19.

Recollerá un estudio da economía e o tecido empresarial; tamén da situación da tecnoloxía, innovación e internacionalización; o entorno político e legal; da sociedade e a cultura; da demografía; do medio ambiente; de tendencias e de iniciativas actuais de interese e nivel de desenvolvemento. Toda a información sintetizarase nunha matriz DAFO (debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades).

O segundo paso serán os workshops coa participación dos axentes institucionais, en xornadas provinciais orientadas a fomentar un proceso participativo e a recompilación de opinións, percepcións e ideas de axentes e entidades público-privadas relevantes sobre a situación actual e os retos futuros. Redactarase un documento final coas conclusións e todos aqueles contidos que se consideren relevantes froito da realización das mesas de traballo.

Tamén se fará un estudio de casos de éxito, un estudio de estratexias con obxectivos semellantes que tiveran resultados notábeis a nivel estatal ou internacional e que poidan resultar referentes inspiradores.

A continuación definiranse as liñas de actuación e obxectivos estratéxicos e procederase á formulación do plan de desenvolvemento estratéxico desde unha perspectiva comarcal.

Finalmente o plan operativo conterá unha desagregación detallada, específico e realista de accións, actuacións e instrumentos a implementar para a consecución do plan de desenvolvemento estratéxico.

“Tamén conterá unha folla de ruta para posibles colaboracións no ámbito institucional e empresarial público-privado”

Tamén conterá unha folla de ruta para posibles colaboracións no ámbito institucional e empresarial público-privado e se formularán unha batería de indicadores que faciliten a avaliación e seguimento periódico das accións emprendidas e permita a toma de decisións e establecemento de medidas correctoras.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos