Zona Franca e Vilagarcía de Arousa acordan crear un Centro de Negocios

Asinado o Protocolo ao que seguirá o Estudo de Viabilidade do futuro equipamento

Vilagarcía de Arousa | A Zona Franca de Vigo e o Concello de Vilagarcía xa dispoñen do Protocolo Xeral de Actuación para iniciar o proceso da implantación dun Centro de Negocios urbano que funcionará como centro de emprendemento e albergará un viveiro de empresas na capital de Arousa-O Salnés. Este mércores, o delegado do Estado no CZFV, David Regades, e o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, deron o primeiro paso institucional subscribindo o documento que marca a folla de ruta e establece o marco de colaboración entre ambas institucións para implantar esta infraestructura empresarial, destinada a fortalecer o tecido empresarial, dinamizar a economía e xerar emprego. O acordo asinado deseña un proceso rigoroso e garantista dividido en fases sucesivas.

O obxectivo da Zona Franca de Vigo con este equipamento é seguir colaborando co territorio e dar resposta á demanda de iniciativas empresariais que queiran desenvolverse nun dos puntos estratéxicos da provincia como é Vilagarcía, e como o CZFV ven facendo noutras localizacións como O Porriño, Baiona, Nigrán ou Redondela. Pola súa parte, o Concello está apoiando o emprendemento como un dos motores económicos de toda a comarca e solicitou á Zona Franca de Vigo a posibilidade de acometer esta dotación empresarial.

Para o emprazamento do Centro de Negocios, a Zona Franca de Vigo lanzará de forma inminente unha oferta pública de adquisición de bens inmobles que existan no núcleo urbano de Vilagarcía, preferiblemente que sexan edificios catalogados o con algún grao de protección para poder rehabilitalo para que á vez que se dota á vila dun Centro de emprendemento e Viveiro de Empresas tamén se recupere e se poña en valor un edificio do patrimonio arquitectónico local e favorecer así a rexeneración urbana. O Consorcio publicará as bases da oferta na súa páxina web (www.zfv.es), abrindo o prazo para a recepción de ofertas.

En declaracións aos medios, o delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, destacou a importancia de diversificar vías de actuación do CZFV, de dinamizar a economía e o emprego na provincia e de poñer de manifesto unha vez máis a importancia da colaboración entre institucións.”Con este protocolo iniciamos un camino sólido e ben planificado para traer a Vilagarcía todo o ecosistema de apoio empresarial de Zona Franca, creando un nuevo polo de innovación, emprego e vangarda”. O delegado avanzou que “buscamos un edificio histórico que poidamos rehabilitar e que pola nosa experiencia con outras dotacións deste tipo que xa realizamos noutros concellos debería ter entre 1000 e 1500 metros cadrados para que acolla coworkings e oficinas amais dunha sala polivalente que, ao final, será un novo espazo para Vilagarcía”. David Regades sinalou tamén que “falamos dun investimento de cerca de 2 millóns de euros descontando o custo do edificio que se fará coa tasación dun organismo homologado polo Banco de España”.

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, agradeceu que con este proxecto Zona Franca confirme a súa implantación na comarca e a súa boa disposición a colaborar, cualificando ao Consorcio como un “socio fiel e fiable”. Varela apuntou que “Vilagarcía é unha cidade en expansión cunha economía en crecemento dende hai anos, como o demostran o número de empresas que se están a crear e as cifras máis elevadas da nosa historia de persoas traballando e de afiliacións á Seguridade Social”. “Aínda así, engadeu, non por iso imos a quedarnos quietos, temos que seguir promovendo iniciativas que alimenten e aceleren ese desenvolvemento, e este centro de negocios é fundamental”.

Unha vez que Zona Franca identifique e seleccione o ben inmoble apropiado e sempre que o estudo de viabilidade económica resulte factible, formalizarase entre ambos organismos un convenio interadministrativo no que se determinarán os compromisos concretos de cada unha das dúas institucións.

A elección do centro urbano para o equipamento responde á vontade de revitalizar a actividade económica e social diaria da zona, facilitando o acceso en transporte público e xerando sinerxías directas co comercio e a hostalería local… unha aposta pola sustentabilidade do proxecto no seu sentido máis amplo. Unha vez executado, o Centro poñerá ao dispor de pequenas pemes, persoas emprendedoras e tecido empresarial da comarca unha infraestrutura moderna, flexible e cos estándares de calidade de Zona Franca. As súas instalacións contarán con espazos para alugar, unha zona aberta de coworking para fomentar a colaboración e o networking, viveiros de empresas e espazos polivalentes modulables de reunións e eventos concretos do ecosistema empresarial dotadas coa tecnoloxía audiovisual máis avanzada, así como servizos integrais de conectividade de alta velocidade e acceso directo aos programas de aceleración, financiamento e internacionalización do Consorcio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.