Zona Franca e UVigo renovan a Cátedra Ardán

Modelo de éxito en investigación sobre economía en Galicia

Vigo | Zona Franca de Vigo e Universidade de Vigo renovaron o convenio para a Cátedra Ardán, tras catro anos dun modelo de éxito na investigación sobre economía en Galicia.

O delegado do Estado, David Regades, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron o acordo co obxectivo de xerar e difundir coñecemento sobre a competitividade de Galicia, para propiciar a mellora nas empresas e o apoio no deseño de políticas públicas máis eficientes.

O delegado do Estado, David Regades, explicou que “Ardán é un instrumento útil para unha sociedade que necesita basear a súa competitividade no coñecemento” e lembrou que “precisamente una destas liñas desenvolvidas, os Indicadores Ardán, valeulle ao Consorcio un premio do Ministerio de Facenda á Innovación na Xestión Pública no ano 2021”.

O reitor, Manuel Reigosa, mostrou a súa “satisfacción polo percorrido feito entre as dúas institucións, resaltando que a Cátedra Ardán é un bo exemplo de cooperación institucional e que os resultados ao longo destes anos son moi positivos e contribúen ao desenvolvemento da empresa galega.

A firma dun novo convenio para catro anos vai permitir que os traballos académicos fáganse con máxima seguridade e para que os indicadores Ardán continúen sendo un referente para a economía de Galicia”.

A Cátedra Ardán estableceuse en marzo de 2018 para crear un marco estable de colaboración na elaboración de investigacións sobre a economía de Galicia e o desempeño empresarial das compañías galegas. Súmanse así os esforzos da Universidade de Vigo e o Consorcio da Zona Franca para xerar e difundir coñecemento sobre a competitividade de Galicia e os factores que a explican, co obxectivo de propiciar a mellora nas empresas e o apoio no deseño de políticas públicas máis eficientes.

A Cátedra suma prestixiosos catedráticos e investigadores da Universidade de Vigo, que traballan estreitamente co servizo de información empresarial do Consorcio para elaborar metodoloxías rigorosas e enfoques vangardistas sobre o desempeño empresarial.

Durante estes catro anos, o esforzo conxunto centrouse na elaboración de medidores de desempeño empresarial en factores como a innovación, a internacionalización, a economía circular, a igualdade de xénero e a xestión do talento.

Un dos estudos máis singulares da Cátedra é a Clasificación de Empresas Intelixentes de Galicia, cun novo enfoque, tanto no conceptual como no metodolóxico, para identificar as empresas que mellor combinan a súa capacidade para xerar beneficios cun crecemento económico sostible e inclusivo.

Ademais, abordáronse diagnósticos sobre actividades emerxentes e novas formas de negocio nos que se poden crear oportunidades en Galicia como, por exemplo, as actividades relacionadas coa Silver Economy. Tras o exitoso modelo implementado a través da Cátedra, ambas as institucións prorrogan o convenio por 4 anos, para garantir a continuidade das actividades de cooperación e dinámicas de traballo.