Zona Franca e Salceda exploran un Centro de Negocios na Gándara

Darán inicio a un estudo sobre emprendemento

Salceda de Caselas | Un Centro de Negocios, integrado nun edificio mutidisciplinar da man da Zona Franca de Vigo, é o obxectivo do goberno municipal de Salceda de Caselas, iniciativa sobre a que ambas administracións públicas conversaron na visita oficial que o delegado de Estado no Consorcio, David Regades, realizou ao Concello.

Ambos os dous organismos inician así o proceso de estudo dunha infraestructura enfocada ao crecemento sustentable, que se integraría nunha das parcelas do proxecto de urbanización do PERI A Gándara. Esta actuación suporá unha gran transformación de toda a zona, con acceso a dúas amplas zonas verdes de 5.662 metros cadrados; mais de 7000 metros cadrados de solo residencial e a posta en marcha efectiva de outros 2.738 metros cadrados de chan para equipamentos, onde podería instalarse o futuro Centro de Negocios.

O proxecto estaría dedicado ao emprendemento, con oficinas, salas de reunións, coworkings e salas polivalentes coa finalidade de xerar actividade económica e emprego, amais de facilitar servizos ás startups, pemes e ás empresas emerxentes, para fixar poboación laboral na vila sen que teña que saír de Salceda para traballar. A urbanización, nos vindeiros meses, do PERI A Gándara, permite ter espazo para este tipo de infraestruturas que supoñen unha oportunidade empresarial e tamén de crecemento de proxectos locais. O centro polivalente, con Auditorio de máis de 500 butacas, permitirá que Salceda siga avanzando”.

O delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, manifestou o interese de Zona Franca en seguir colaborando cos concellos da provincia “como estamos facendo por exemplo con infraestruturas similares en Redondela, O Porriño, Nigrán, Baiona, Salvaterra, e Vigo ou con novos parques empresariais. Trátase de xerar actividade económica e emprego no territorio e de responder ás demandas do tecido empresarial da vila, e da xente nova con talento e ideas que quere emprender sen saír de Salceda”. O delegado sinalou tamén a capacidade de atracción que teñen estes equipamentos e que xeraría novas oportunidades para a vila a fin de seguir crecendo”.

Pola sua banda, a alcaldesa, Loli Castiñeira e o seu equipo de goberno, quixeron destacar o proceso de transformación que están a levar a cabo en Salceda, e que daría un paso importante coa construción desta nova infraestrutura: “agradecemos o interese amosado pola Zona Franca, nunha nova mostra de que a colaboración entre diferentes organismos é sempre garantía de que se obteñan os mellores resultados”.

O proceso pasará primeiro por un estudio de viabilidade tanto económica como do emprazamento e a edificabilidade que tería o Centro de Negocios, e despois asinar un convenio entre Zona Franca y Concello, que tería que ser aprobado polos plenos de ambos os dous organismos. A iniciativa seguiría os mesmos pasos administrativos que xa se están a dar en actuacións semellantes que o Consorcio vigués está a desenvolver en outras vilas. A construcción do equipamento correría a cargo da Zona Franca, que financiaria a actuación, e a xestión pasaría a mans do Concello de Salceda.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.