Zona Franca e Ponteareas analizan posibilidades empresariais

David Regades reuniuse cunha vintena de empresas

Ponteareas | Os empresarios de Ponteareas coñeceron de primeira man as posibilidades que ofrece o Consorcio da Zona Franca de Vigo para as súas empresas, tanto en chan, como financiamento e apoios.

O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades; e o director de Vigo Activo, Samuel Méndez, mantiveron un encontro cunha vintena de empresarios do municipio, no Centro de Desenvolvemento Local de Ribadetea, para achegarlles todas as ferramentas do Consorcio.

David Regades destacou que “os instrumentos da Zona Franca están ao servizo das empresas para crear emprego” ademais de subliñar que “esta reunión é un exemplo de que poden pedirnos este tipo de encontros para coñecer que ferramentas pode ofrecer o Consorcio, como é o caso de Vigo Activo, que estuda calquera proxecto que mostre solvencia.

De feito, a sociedade de capital risco de Zona Franca ten inxectados 25 millóns de euros en empresas galegas”, destacou. No Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas reuníronse representantes de empresas de sectores como alimentación, transformación, construción ou vehículos, que se interesaron especialmente polas ferramentas de financiamento do Consorcio, o acceso a apoios para a internacionalización ou as características do chan franco.

Asistiron tamén a primeira tenente de alcalde e concelleira de Vías e Obras, María Jesús Garrote; e a concelleira de Emprego e Formación, Vanesa Fernández. A concelleira Vanesa Fernández abriu o acto agradecendo a Zona Franca porque “por primeira vez na historia esta institución achégase a Ponteareas e ao seu tecido empresarial, o que fai que sexa un día importante para a economía ponteareá”.

O delegado do Estado animou aos empresarios para demandar máis información sobre o Consorcio a través da Concellería de Emprego e Formación. Ademais, a Zona Franca de Vigo desenvolve neste momento un plan estratéxico de Ponteareas e a súa comarca, que incluirá un diagnóstico territorial, obxectivos estratéxicos e unha folla de roteiro con actuacións específicas, claras e realistas para a mellora da competitividade económica e a calidade de vida na comarca do Condado, na que o concello de Ponteareas ten un peso significativo.