
Caldas de Reis | A Zona Franca de Vigo e o Concello de Caldas de Reis subscribiron hoxe o convenio para o desenvolvemento e xestión do chan urbanizable delimitado como sector “SUD SP-1-I”. Trátase dunha área prioritaria para poder desenvolver o futuro parque empresarial de Paradela-Carracedo que tramitan ambas administracións nunha zona estratéxica de Carracedo, contemplada no planeamento urbanístico de Caldas e clasificada como suelo urbanizable de uso industrial.
O desenvolvemento deste primeiro sector, cunha superficie de 392.669m², está considerado como “actuación prioritaria” xa que permitirá, unha vez alcanzado un grao de consolidación do 67%, avanzar e activar os traballos noutros sectores do ámbito en Paradela-Carracedo. O futuro Parque ten unha superficie total de desenvolvemento de 862.056m², ubicado nunha zona estratéxica, con fácil acceso ás infraestruturas viarias como a AP9, e conta cunha boa resposta do tecido empresarial da comarca para a creación deste ecosistema a fin de acoller actividades empresariais e industriais.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, e o alcalde de Caldas, Jacobo Pérez, asinaron o documento, que establece o marco de colaboración entre o Concello e o CZFV, no que a Zona Franca asume os compromisos económicos para a execución da actuación neste primeiro sector SUD SP-1-I: o coste das obras de urbanización, da conexión exterior e da redacción de proxectos e direccións de obras. Pola súa banda, o Concello de Caldas impulsará toda a tramitación urbanística necesaria.
O proxecto conta xa co Estudo de Viabilidade, que foi elaborado tamén co traballo das persoas propietarias dos terreos e da veciñanza. Co convenio asinado hoxe poderase avanzar cara ao desenvolvemento definitivo do parque empresarial e a folla de ruta a partir de agora será traballar na licitación da redacción do Plan Parcial para este sector, do proxecto de urbanización e da dirección de obra.
A firma do convenio terá unha duración de catro anos, prorrogables por outros catro, e contará cunha Comisión de Seguimento. O obxectivo é seguir dando pasos para poñer en marcha esta infraestructura industrial que permita consolidar o tecido produtivo, fomentar a creación de emprego e dar resposta á crecente demanda de chan empresarial e industrial na provincia.




