Zona Franca e a UVigo impulsarán o liderado feminino nas empresas

A través dun programa específico deseñado para potenciar a participación das mulleres en distintos ámbitos profesionais

Vigo | Impulsar o liderado feminino para contribuír a unha maior presenza de mulleres en postos de responsabilidade nas empresas galegas. Con este propósito, a Zona Franca e a Universidade de Vigo poñerán en marcha nos próximos meses un programa específico que terá un contido deseñado de forma participativa por mulleres de distintos ámbitos profesionais.

Con ese obxectivo, este martes celebrouse a primeira das tres xornadas previstas no Auditorio do CZFV, a fin de pulsar a opinión e integrar as achegas de mulleres directivas no futuro programa. Baixo o título “Liderado feminino: unha reflexión sobre retos e oportunidades”, máis dun centenar de asistentes participaron neste primeiro evento, que contou coa presenza de Krista Walochik, Senior Advisor e ex CEO de Talengo, que sitúa a Galicia ante un cambio acelerado pola intelixencia artificial, a transición enerxética e o reto demográfico. Defendeu que “incorporar máis mulleres á dirección é un imperativo ético e tamén de competitividade”, e abordu onde se perde o talento feminino, do “chan pegañento ao teito de cristal”, os sesgos na selección de directivos, incluidos os que pode automatizar a IA, e os argumentos de competitividade para a empresa familiar galega.

O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, e a reitora da Universidade de Vigo, Carmen García Mateo, participaron na apertura institucional, na que Regades animou a participar neste proceso de anáise e diálogo previo “para que o programa dea respostas axeitadas ás necesidades que as mulleres detectan cando intentan acceder a postos de responsabilidade”. O delegado do Estado lembrou que “na Zona Franca temos un compromiso pleno coa igualdade e queremos escoitar para definir prioridades e coñecer as vosas propostas”. Agradeceu a complicidade da UVigo tamén neste proceso, “que non só é de xustiza, senón de intelixencia porque non podemos perder a metade do talento”. “A igualdade, dixo, non é só unha cuestión de equidade, senón tamén un factor de competitividade e de boa xestión. Os avances son evidentes pero temos moita marxe por diante para seguir aumentando a presenza feminina e postos de responsabilidade na empresas”.

Carmen García Mateo, destacou a “consolidada colaboración” que manteñen Zona Franca e UVigo a través de accións concretas como a Cátedra ARDAN, que agora se amplía cun novo ámbito de traballo compartido: “impulsar o liderado feminino e contribuír a que máis mulleres poidan chegar aos postos nos que se toman decisión nas empresas galegas”. Unha liña de traballo que, asegurou, encaixa plenamente coa forma na que queren gobernar e na que “a igualdade non quede nun principio abstracto, senón que se traduza en oportunidades, en condicións e tamén en resultados que poidamos avaliar”. Como primeira muller reitora da UVigo, García Mateo lembrou a súa traxectoria profesional en ámbitos con escasa presenza feminina, polo que reivindicou a presenza das mulleres, tamén nos lugares nos que se toman as decisións. “Non é só unha cuestión de igualdade, é tamén de competitividade, innovación e capacidade das organizacións para afrontar os cambios que veñen”.

As xornadas, coordinadas por Belén Fernández-Feijoo e Teresa Mariño, da Uvigo, servirán para sensibilizar e falar sobre como se pode avanzar na participación de mulleres con potencial de liderado para que ocupen postos de responsabilidade nas organizacións. “O fin último é mellorar a competitividade empresarial a través de identificar e impulsar o talento feminino”.

O liderado das mulleres nas pemes é hoxe un factor decisivo para a competitividade e o desenvolvemento territorial, e máis cando estudos internacionais mostran como a presenza das mulleres en postos de decisión non só favorece a igualdade de oportunidades, senón tamén un mellor desempeño organizacional, maior diversidade estratéxica e tomas de decisións máis efectivas en contextos de alta complexidade. En Galicia, onde o tecido económico se sustenta en gran medida en pequenas e medianas empresas, impulsar as traxectorias de mulleres con potencial de liderado adquire unha relevancia estratéxica.

En canto aos datos do último Informe ARDAN na escala da igualdade nas empresas son claros. O 83% das compañías están lideradas por homes e o índice de igualdade non chega a un nivel mínimamente aceptable (472 puntos). Amais, só 1 de cada 10 Empresas Iguais ten una plantilla paritaria e só 1 de cada 3 conta co mesmo número de directivos que de directivas. Aínda así, as empresas lideradas por mulleres alcanzan mellores desempeños (547 puntos), cun nivel aceptable na Escala de Igualdade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.