Zona Franca axuda na internacionalización do mercado de México

A un total de 42 empresas de diversos sectores

Vigo | Zona Franca de Vigo celebrou hoxe unha xornada de internacionalización para axudar ás empresas para acceder ao mercado de México. Para iso contou cos exemplos de dous grupos vigueses que son referencia: Grupo Marsan e GOC, cuxos responsables participaron na sesión.

O delegado do Estado, David Regades, abriu a primeira xornada de internacionalización que se celebra na nova sede do Consorcio en Areal.

David Regades lembrou que “en Zona Franca de Vigo temos no noso ADN o apoio á economía e o comercio internacional” e que “Vigo, e con ela a provincia de Pontevedra, é unha das provincias máis exportadoras de España.

De xaneiro a outubro de 2021 foi a sexta e en 2020 foi a quinta, supoñendo máis do 4% do comercio internacional español, con México entre os nosos principais socios comerciais”.

Un total de 42 compañías, de sectores tan diversos como naval, metal, alimentación, téxtil, enxeñería, agroalimentación, peixe, loxística, mobles, saúde e deporte, industria, construción, geotermia, enerxías renovables ou telecomunicación, entre outros, participaron na xornada interesadas polo mercado mexicano.

As xornadas dos mércores de internacionalización forman parte da programación habitual da Zona Franca, que conta ademais co programa ViaExterior para apoiar a internacionalización de empresas.

Actualmente estase celebrando a cuarta edición, ao longo das catro edicións pasaron un total de 81 empresas galegas, que se beneficiaron do programa con formación e asesoramento personalizado para desenvolver o seu plan de internacionalización.

Zona Franca deseñou ademais programas sectoriais específicos de apoio á internacionalización como MarExterior, Vino Exterior ou CulturaExterior.