Zona Franca amosa a súa solidariedade con AEMOS

Tralo incendio de cinco naves no Polígono do Rebullón

Vigo | A continuación reproducimos a carta enviada polo Delegado do Estado para Zona Franca, David Regades, ao presidente de AEMOS, Manuel Castro, ofrecendo a súa cooperación tralo recente incendio no polígono de O Rebullón.

Manuel Castro Álvarez
Presidente de AEMOS
Vigo, 28 de marzo de 2022

Estimado presidente:

Despois de coñecer o incendio de cinco naves que albergaban a seis empresas no polígono de O Rebullón en Mos, quero transmitirvos, a ti e á túa xunta directiva, así como aos empresarios afectados por esta traxedia, toda a miña disposición e da Zona Franca de Vigo que dirixo, para axudar a paliar a situación.

Neste sentido ofrézovos a posibilidade de ver localizacións provisionais para que as empresas afectadas poidan retomar a súa actividade, na medida das posibilidades, ou calquera apoio que estea en mans deste Consorcio, como sería inxección de liquidez a través da empresa de capital risco Vigo Activo.

Se consideras que Zona Franca pode axudar, ofrézoche analizar todas as posibilidades que estean ao noso alcance para tratar de minorar os efectos do parón tras esta traxedia. Á vosa disposición para axudar ás empresas que sufriron o incendio e ao centenar de traballadores e as súas familias que ven afectadas.

Un abrazo
David Regades
Delegado do Estado para a Zona Franca