Zona Franca achega o mercado polaco ás empresas viguesas

O investimento en Polonia e a reconstrución de Ucraína centraron a xornada na sede do Consorcio

Vigo | Zona Franca de Vigo puxo en contacto a empresas vigueses interesadas no mercado polaco coa delegación dese país que estes días visita Galicia. A sede do Consorcio acolleu a xornada “Oportunidades de negocio no mercado polaco” que contou coa asistencia de medio milleiro de empresarios e investidores interesados en iniciar ou incrementar as súas relacións comerciais con ese país e tamén con interese na reconstrución de Ucraína.

O encontro foi inaugurado polo delegado da Zona Franca, David Regades; o alcalde, Abel Caballero; o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites; o presidente do Consello da Cámara de Comercio Polaco-Española PHIG, Stefan Bekir Assanowicz; o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón; e a directora xeral da Cámara de Comercio Polaco-Española, Zuzanna Golebiewska.

O delegado da Zona Franca explicou que “a xornada servirá para abordar cuestións relativas a financiamento, oportunidades de investimento no sector das infraestruturas, a enerxía ou o sector agroalimentario, entre outros sectores estratéxicos para Galicia e España en Polonia”. Engadiu que “todas as ferramentas de Zona Franca están ao servizo das empresas para alcanzar novos mercados e podemos servir de ponte para as empresas polacas que busquen socios en España”.

David Regades engadiu que “España e Polonia somos dous países cunha longa tradición de cooperación e esta é un cume ao máximo nivel empresarial. Paréceme unha gran oportunidade para coñecernos mellor e comprobar en que podemos complementarnos”.

Apuntou que “os sectores nos que as nosas empresas están a participar ou poderían ter interese en participar son sen ningunha dúbida o de infraestruturas e o de enerxías renovables, dado o importante interese de Polonia na súa transición enerxética e os fondos Next Generation destinados a iso”.

Concluíu sinalando que “para os empresarios e investidores Polonia é un país que non deben perder de vista. Porque goza dun ciclo de crecemento económico desde hai máis de 25 anos e é un mercado de máis de 38 millóns de habitantes, que se converteu na sexta economía da UE-27”.