Zona de Tapas e concertos, novos atractivos de Xantar 2023

Cinco países representados, 59 adegas con 104 referencias de viño galego

Ourense | Xantar, a única feira internacional de turismo gastronómico de España presentou esta mañá os datos da súa 24ª edición que se celebrará en Expourense entre o 2 e o 5 de novembro. Trátase dunha edición especial que chega con importantes novidades co obxectivo de atraer maior número de visitar e de animar ao público de proximidade a participar na feira.

A primeira delas é que a entrada será, por primeira vez, gratuíta. Tamén será gratuíta, ata completar aforo, a participación en calquera das 140 actividades que ofrece o programa desta edición e que inclúen talleres de cociña en directo, catas comentadas de produtos como veu, queixo, mel ou conservas, ou a presentación, con degustación, dunha vintena de festas gastronómicas de Galicia.

Expourense será a partir deste xoves no epicentro do turismo enogastronómico peninsular a reunindo a un centenar de expositores, 59 adegas expositoras a maiores e con 5 países representados (España, Portugal, Colombia, Perú e Costa Rica). Contará ademais con 4 restaurantes, 1 zona de tapas, 2 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas e 1 espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia.  Conta ademais cun Túnel do Viño, de acceso profesional, que presenta un total de 104 referencias de viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia (Monterrei, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira sacra e Rías Baixas) e da IXP Val do Miño.

Turismo de proximidade
Xantar 2023 conta coa participación de tres deputacións provinciais de Galicia (Ourense, Lugo e A Coruña), de varios xeodestinos e GDR (Ribeiro-Carballiño, Valdeorras, Terra de Celanova – Serra do Xurés) e de numerosos concellos galegos das 4 provincias que participan de forma independente para promocionar o seu turismo gastronómico. Hai que sumar a destacada participación da Deputación de Zamora, provincia a unha hora de tren AVE.

Na presenza internacional destaca un ano máis Portugal que estivo presente en Xantar desde a súa primeira edición. A Entidade de Turismo Porto e Norte é o principal socio estratéxico deste salón no país veciño e facilita cada ano a participación de numerosas cámaras municipais lusas que acoden ao salón con caseta e organizan varias showcookings, catas comentadas e degustacións para promocionar o turismo de proximidade.

Hai que destacar un ano máis a masiva presenza de expositores procedentes do Norte. En total, participan de forma directa e independente no salón unha vintena de cámaras municipais portuguesas que se suman ás que participan baixo o paraugas de Turismo Porto e Norte.

Tamén participarán profesionais e representantes institucionais de países como Perú e Costa Rica, ademais de Colombia que organizou unha misión de empresarios hostaleiros e chefs asociados a FENALCO (Federación Nacional de Comerciantes Empresarios de Colombia) que participarán na feira e realizarán distintas visitas a adegas e centros de formación de Galicia.

Para facilitar a visita a Xantar, Expourense conta coa colaboración de Renfe, Transporte Oficial, que ofrece un 10% de desconto nos billetes de Longa Distancia e AVE.