
Ourense | Leiro celebrou a XXXV edición da Festa da Vendima onde a conselleira de medio Rural, María José Gómez, enxalzou a Denominación de Orixe Ribeiro como exemplo do bo facer do sector vitivinícola en Galicia. Neste sentido, sinalou que este é un evento no que poder celebrar a excelente calidade dos viños que se elaboran en Galicia e recoñecer o labor das persoas viticultoras.
Gómez, que estivo acompañada polos directores xerais da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; de Comercio e Consumo, Gabriel Alén; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, lembrou que esta é a denominación máis antiga da nosa comunidade, xa que foi recoñecida polo Estatuto do Viño no ano 1932.
A conselleira explicou que, na actualidade, conta cunha superficie inscrita de 1.215 hectáreas e aglutina unhas 1.300 persoas viticultoras, que no ano 2025 produciron uns 7,6 millóns de litros de viño que acadaron un valor económico estimado de 30,7 millóns de euros. Avanzou tamén que neste 2026 se agarda unha vendima abondosa e marcada pola calidade, cunha produción que na DO Ribeiro podería roldar os 10 millóns de quilos.

A titular de Medio Rural incidiu en que os diversos distintivos de calidade relativos ao viño existentes na nosa comunidade poñen de relevo o importante valor que ten o eido vitivinícola en Galicia. Estes selos -cinco denominacións de orixe e outras tantas indicacións xeográficas protexidas- representan máis do 50 % do valor económico da calidade diferenciada galega, con algo máis de 379 millóns de euros.
12 millóns de euros anuais
José Gómez reafirmou o compromiso do Goberno autonómico con este sector, ao que se destinan uns 12 millóns de euros anuais a través de diferentes liñas de achegas. Este é o caso das convocatorias para a reestruturación e reconversión de viñedo, a promoción do viño galego en mercados de terceiros países, os investimentos en elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas ou unha partida específica para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión de viñedos na Ribeira Sacra.
A esta cifra cómpre engadirlle outras iniciativas deseñadas de xeito específico para apoiar o traballo dos consellos reguladores que, asegurou, realizan un labor fundamental para conservar a cultura vitivinícola e facela medrar. Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense, asistiu ao pregón pronunciado pola actriz e directora Mabel Lozano e ao tradicional desfile de carrozas, que nesta edición contou con oito propostas debido a que os traballos da vendima xa están en marcha. Tamén visitou a mostra de viños, o mercado artesanal e a exposición de acios.
Menor definiu esta celebración como “unha homenaxe ao esforzo dos viticultores e a todas as persoas que manteñen vivo o Ribeiro”, destacando que detrás de cada colleita “hai traballo, tradición e un firme compromiso co territorio”. Reafirmou o apoio da Deputación ao sector vitivinícola e ás celebracións que contribúen a promocionar os produtos propios, dinamizar o rural e proxectar a provincia: “O Ribeiro é unha das grandes cartas de presentación de Ourense pola calidade dos seus viños e pola autenticidade das súas xentes”.




