
Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, inaugurou a XXVII Feira do Libro de Monforte, que se celebra ata o sábado 29 na zona peonil da céntrica rúa Cardeal. Este evento literario forma parte do programa Verán Cultural do Concello de Monforte e pecha o calendario de Feiras do Libro 2026 da Federación de Librerías de Galicia logo de percorrer outros 12 municipios galegos.
O acto contou coa participación do Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Manuel Lorenzo Suárez; a Deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro Fernández; a xerente da Federación de Librarías de Galicia, Olaya Tembra, e a escritora bovedense Yolanda Álvarez Castro, que foi a encargada de pronunciar o pregón desta edición.
Durante a inauguración, o alcalde puxo en valor que esta cita literaria en Monforte alcance xa a súa 27ª edición, ademais de poñer o colofón ao calendario das Feiras do Libro de Galicia de 2026, que percorreu un total de 13 localidades galegas.
José Tomé salientou que durante estes días “Monforte convértese nun punto de encontro entre os libros, os autores e autoras, e as persoas que poñemos eses libros nas nosas mans e desfrutamos coa súa lectura”. Neste sentido, animou á veciñanza e ás persoas que visitan a cidade a achegarse á Feira, participar nas actividades programadas ata o sábado e descubrir as novidades literarias que ofrecen as librarías participantes.

O rexedor monfortino fixo especial fincapé na importancia das feiras do libro como instrumento para achegar a literatura a novos públicos e captar novos lectores, especialmente entre os nenos, nenas e a xente moza. “É importante que quen aínda non ten o hábito de ler poida descubrir, a través destas iniciativas, novas historias e novas formas de mirar o mundo, dependendo dos gustos de cada persoa”, sinalou.
Así mesmo, indicou que fomentar a lectura desde idades temperás é fundamental, xa que “é durante os primeiros anos cando se constrúe o hábito lector”. Por iso, subliñou o valor de presentar os libros aos máis pequenos a través de historias atractivas que lles permitan descubrir que “ler tamén é xogar, imaxinar e aprender”.
Con todo, José Tomé, agradeceu expresamente o traballo das librarías participantes, dos escritores e escritoras, das editoriais, das persoas responsables das diferentes actividades e dos traballadores e traballadoras que fan posible o desenvolvemento da Feira
Unha pregoeira da Ribeira Sacra
O alcalde destacou a elección da escritora Yolanda Álvarez Castro como pregoeira da XXVII Feira do Libro, ao tratarse dunha autora de Bóveda e, polo tanto, dunha escritora vinculada á comarca da Ribeira Sacra, e puxo en valor a traxectoria da autora vinculada ás artes, á educación e á cultura como profesora de baile e animadora sociocultural, así como o seu inicio no mundo editorial con ‘O misterio do tulipán’, un conto infantil inspirado nos seus dous fillos.
Neste sentido, José Tomé considerou que Yolanda Álvarez é “unha magnífica pregoeira” para esta Feira do Libro, precisamente pola súa capacidade para achegar a literatura aos máis novos e transmitir a súa paixón polas letras a través dos seus contacontos e actividades de animación á lectura.
Sete casetas e catro xornadas de actividades
A XXVII Feira do Libro de Monforte conta nesta edición con sete casetas, tres delas correspondentes a establecementos da propia cidade: Librería Entre Libros, Libraría Agrasar e Librería Pelayo-Peruchela Edicións. Completa a oferta a presenza de ULA Libraría Social, de A Coruña; Libraría Cartabón, de Vigo; o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, e A Gata Tola, de Santiago de Compostela.
O programa inclúe presentacións de libros, sinaturas de autores e autoras, encontros literarios, poesía, contacontos, espectáculos infantís e actividades para públicos de todas as idades. Entre as propostas destaca a participación de escritores e escritoras da Ribeira Sacra e do conxunto de Galicia, contribuíndo a dar visibilidade ao talento literario local e galego. O horario de apertura das casetas ata o sábado 29 é de 11:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas. Todos os libros que se adquiran nesta Feira do Libro monfortina contarán cun desconto do 10%.




