XXVI Feira gastronómica do pemento de Oímbra

Este produto está amparado por unha indicación xeográfica protexida

Oímbra | José González, conselleiro do Medio Rural, e Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia, destacaron a calidade do pemento de Oímbra, con motivo da XXVI Feira de exaltación deste produto, que se celebrpu na devandita localidade ourensá, máis concretamente na carballeira situada a carón do Concello.

O titular de Medio Rural, que estivo acompañado tamén polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e pola alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, aproveitou a súa visita para poñer en valor este pemento, amparado por unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP).

Asemade, José González salientou a ampla tradición desta festa gastronómica -que acada xa a súa edición número 26- e cualificouna como un fito de referencia no calendario festivo da provincia e de toda a comunidade autónoma, lembrando tamén que está declarada como de Interese Turístico de Galicia. Nesta mesma liña, o conselleiro vinculou tamén a excelencia dos pementos de Oímbra coas terras nas que se producen, na comarca de Verín, e defendeu este produto de calidade diferenciada como unha mostra máis da produción agroalimentaria tradicional de Galicia.

O director de Turismo de Galicia, pola súa parte, destacou o excelente escaparate turístico e polo de atracción que supón a celebración desta Festa de Interese Turístico de Galicia, declarada desde 2009, que permite enxalzar o produto máis destacado da zona atrendo, ano a ano, un maior número de persoas, posicionando este produto con selo de calidade como un dos sinais de identidade da comarca de Monterrei, un territorio no que desde a Xunta se está facendo unha forte aposta para a súa dinamización socioeconómica e turística, a través de proxectos de alto impacto como a rehabilitación da Fortaleza de Monterrei.