XXV Feira do Libro Galego en Tui

No Paseo da Corredoira cos postos das librarías Iris e Nobel e diversas actividades

Tui | Este sábado, 25 de maio, o Paseo da Corredoira acolle unha nova edición da “Feira do Libro Galego” que dende hai 25 edicións achega a produción editorial galega á veciñanza e lectores. Este ano as librarías locais, Librería Iris e Librería Nobel, ocuparan 15 stands onde mostrarán as novidades tanto literarias como de non ficción para nenos, mozos e adultos, cun desconto do 10%.

Ademais ao longo da xornada contarase con diversas actividades de animación.
Ás 12.00 h terá lugar a inauguración desta Feira do Libro Galego a cargo de Alfonso Ferreira, autor de diversos libros sobre peregrinación e outros de carácter infantil.

Ás 12.30 h haberá un espectáculo para familias “Caderno de cores e cancións” con Magín Blanco. É a súa máis recente proposta, un concerto participativo no que Magín Blanco, na compañía do músico Pablo Vidal, convida ás crianzas a achegarse ao proceso creativo e a xogar cos elementos que compoñen as cancións. As melodías, as harmonías e a musicalidade poética das rimas sucédense ao longo do espectáculo.

Ás 19.00 horas continuarán as actividades de animación co espectáculo “Picadiscos” con MariFaltri, un dos nomes de referencia dentro da música infantil galega, que achega unha proposta orixinal e sorprendente: un picadiscos de música infantil no que María brinda aos cativos e cativas unha escolla da mellor música infantil galega para que non deixen de cantar e bailar, xogar e divertirse aprendendo as cancións da man dos libros da súa pequena biblioteca ambulante.

Ao longo da toda a xornada na Oficina de Turismo poderase visitar unha mostra de bibliografía tudense, cunha escolma de libros sobre a nosa cidade, que está a dispor dos interesados na Biblioteca Municipal. E completa esta oferta a exposición de ata dez pósters dedicados a Luisa Villalta, a quen lembramos este ano no Día das Letras, realizados polo alumnado doutros tantos centros educativos tudenses.

Para a concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, esta nova edición, a vixésimo quinta, da Feira do Libro Galego de Tui, que tivo de ser trasladada de data polas condicións meteorolóxicas do pasado venres 17 de maio, é unha excelente oportunidade para achegarse ao libro e a lectura.

Sonsoles Vicente agradece o protagonismo das dúas librarías tudenses, Iris e Nobel, pois sen elas e o seu empeño esta Feira do Libro Galego non sería posible.

Esta actividade conta coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.