XXV edición do Serán dos Namorados de Toutón en Mondariz

Este sábado 11 na Casa da Cultura

Mondariz | O Serán dos Namorados, a festa tradicional máis destacada de Mondariz, volve este mes de febreiro á parroquia de Toutón para celebrar a súa XXV edición, prevista inicialmente para 2021, pero suspendida durante dous anos por mor da pandemia.

O Serán comezará ás 20:00 horas do sábado 11, baixo un cuberto e coa programación habitual: actuacións de grupos de música galega tradicional, baile, petiscos e moita troula ata que o corpo aguante. Á fronte da organización seguen as Pandereteiras de Toutón, que novamente contan co apoio institucional do Concello de Mondariz e da Deputación de Pontevedra, así como doutros colectivos locais como a Comunidade de Montes en Man Común de Toutón.

Este ano, para conmemorar o XXVII aniversario da recuperación deste evento de tradición popular, tamén se prevé proxectar a serie documental “Axudádeme a cantar. Seis historias da música da tradición oral de Galicia”, producida polo Consello da Cultura Galega e cun episodio dedicado ás Pandereteiras de Toutón e ao Serán dos Namorados.

En total, son seis capítulos que buscan poñer en valor o canto acompañado con percusión de man, unha forma de literatura oral tradicionalmente feminina que gozaba (e goza) dunha extensión e diversidade importantes no territorio galego. A proxección comezará ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Toutón. A entrada será libre e gratuíta até completar a cabida.

As Pandereteiras de Toutón son un grupo de música popular e tradicional que manteñen un legado ancestral que se remonta ao século XIX. Xorde da tradición de bailar durante as labradas e as esfolladas, que se prolongaban até o mes de abril.

Na década de 1920 comezan a celebrarse os primeiros seráns, pero esta tradición popular dilúese décadas despois, no contexto da ditadura franquista. A recuperación do Serán dos Namorados e doutras tradicións locais destas datas gaña pulo coa chegada do novo século, auspiciada polas mulleres que conforman a nova xeración de Pandereteiras de Toutón. Desde entón, esta festa popular atrae a centos de persoas cada ano e preséntase como “o serán máis grande do mundo”.