XXIX Certame Municipal de Teatro de Monforte

O alcalde entregou os premios aos centros de ensino

Monforte de Lemos | O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, entregou os premios correspondentes ó XXIX Certame Municipal de Teatro para centros de ensino de Monforte, convocado e organizado polo Concello de Monforte, a través da súa concellería de Cultura, e que se celebrou dende o 27 de abril ata o 18 de maio no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

Tras o visionado dun vídeo resumo das actuacións dos diferentes centros educativos participantes, o rexedor monfortino fixo entrega a cada un dos representantes de ditos centros da gravación, nun lápiz de memoria personalizado con logo do Concello e o nome do certame, das obras representadas, así como dun diploma acreditativo para cada un dos participantes.

Os centros educativos que recibiron o galardón foron: CEE Infanta Elena, coa obra “Los sueños de Cloti”. Colexio Ferroviario, coa obra “A estatua. CEIP A Gándara, coa obra “O testamento do tío Nacho. CEIP de Monforte, coa obra “Vida e cores”. IES Río Cabe, coa obra “O soño do Novelo nunha noite de verán. IES A Pinguela, coa obra “A rateira”.

E obra de Prodeme (asociación convidada), “Néboa no bigote”, está pendente de ser escenificada, xa que no día previsto non se puido representar debido a un brote de coronavirus entre algúns dos actores da mesma.