XV edición do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera (O Covelo)

Será o sábado día 16 ás 20 horas na igrexa de San Martiño

O Covelo | O Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera ofrece o seu sétimo concerto este sábado día 16 de setembro. Vox Stellae será o grupo de música encargado do peche da décimoquinta edición deste exitoso ciclo ideado por Nieves García Sotos e o pai Rafael, naquel entón párroco de San Martiño de Barcia de Mera.

“Estes quince anos foi unha caixa ateigada de satifaccións porque comezamos dun xeito moi sinxelo con aquela inauguración do retablo da igrexa de Barcia de Mera que deu lugar á primeira edición con dous concertos pero xa a partir de aí organizamos unha programación estable incrementándose o número de público. Cada ano fomos traendo a artistas, a solistas e a músicos cada vez máis importantes”, resume Nieves García.

O Ciclo de Música de Barcia de Mera celebrou o seu decimoquinto aniversario con novidosas apostas e estreas a nivel nacional como o concerto espectáculo do dúo de piano e chelo acompañado dunha interpretación poética, “La música en otros cuerpos” ou a estrea de “Desarraigo” da actríz Vicky Peña e Orestes Gás.

As pezas de Mozart, Brahms, Bach ou os sons medievais galaico portugueses, entre outros encheron de música cada recuncho do conxunto abacial de Barcia de Mera.

O chelista Guillermo Pastrana, o Trío Domaní, a Orquestra Sinfónica de Galicia e moitos outros músicos de primeiro nivel fixeron posible que o público gozara de interpretacións maxistrais.

Festas da Virxe da Escravitude
O barrio covelense de Lourido, na parroquia de Casteláns, celebra as festas na honra da Virxe da Escravitude con discoteca móbil, música tradicional, gastronomía popular e actos relixiosos. O sábado 16 ás 12 horas Lourido honrará, como de costume, aos seus defuntos cunha misa. Pola noite, a partir das doce da noite Disco Loop actuará no recinto da casa cultural de Lourido onde teremos, tamén, servizo de bar.

O domingo día 17 ás 11:45 actuarán “O Carballo da Armada” e as “Retranqueiras de Barcia de Mera”. A continuación terá lugar a misa solemne, ás 12:30 horas, para dar paso á procesión acompañada dos gaiteiros. Despois da misa volverán a animación musical para amenizar a sesión vermú na que non faltará o servizo de bar e o polbo.

As veciñas e veciños de Lourido, organizadores das festas, convidan a toda a veciñanza a participar nestas festas que acompañan non só a historia deste barrio se non tamén a de todas as xentes de Covelo.