Xuventudes Socialistas de Ourense denuncian que a Feijóo asumiu o discurso da extrema dereita

Programa de actividades organizadas co gallo do Día Internacional do Orgullo

Ourense | As Xuventudes Socialistas de Ourense e XX. SS. de Galicia presentaron, na praza San Marcial, o programa organizado conxuntamente para celebrar e reivindicar o Día Internacional do Orgullo LGBTI na cidade. Trátase dun compendio de actividades que xirarán en torno á inclusión e ao respecto á diversidade, que se prolongarán ao longo desta semana, baixo o lema: “Fronte ó odio, o noso orgullo”.

Para elo se levará a cabo o sábado, a partires das 11.00 horas, unha mesa redonda comparativa da situación normativa e política en Galicia ao respecto doutras comunidades autónomas socialistas. Os participantes serán: Marcos Torre –director de Xuventude e LGBTI do Principado de Asturias–, Julen Eneriz –director LGTBI do Goberno Foral de Navarra–, Noelia Otero –deputada autonómica encargada desta área–, Natalia González –secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense–, Marga Martín –secretaria de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE– e Xurxo Doval –secretario xeral das XX. SS. de Galicia–.

Mais antes, o mércores ás 18.00 horas, terá lugar a lectura do manifesto e o izado da bandeira do colectivo na sede do PSdeG-PSOE de Ourense, na rúa Ribeira de Canedo, para posteriormente asistir á manifestación que discorrerá polas rúas da cidade, ás 20.00 horas.

O cine servirá, por outra banda, para reflexionar sobre as consecuencias de confesar públicamente, ata non fai moitos anos, ser homosexual no eido da política e outras esferas da vida. En colaboración co Cineclub Padre Feijóo, proxectarase de balde a longametraxe, protagonizada por Sean Penn, ‘Milk’. O filme gañou dous premios Oscar a mellor actor principal e a mellor guion orixinal no 2008. Os e as ourensás poderán desfrutar da película o xoves ás 20.30 horas.

Enquisas
Ao día seguinte, o venres, Xuventudes Socialistas publicará nas súas redes sociais os resultados dunha serie de enquisas e recollida de testemuños sobre situacións de homofobia, bifobia ou transfobia que se teñan dado na provincia. O obxectivo principal é “visibilizar o auxe de vexacións, insultos, discriminacións, ameazas, violencia e agresións cara a persoas do colectivo LGBTI por amar en liberdade e ser quenes son”, sinalou Alba Iglesias, secretaria xeral de XX. SS. en Ourense.

“A situación que vivimos en pleno 2023 é moi preocupante. Aínda un terzo dos países do mundo contan con leis que criminalizan a estas persoas. Aínda existe unha discriminación inxusta e dolorosa. E o PP xamais aprobou unha lexislación nacional favorable, eles restrinxen os nosos dereitos. As políticas LGBTI están ligadas, históricamente, aos partidos de esquerdas e isto é unha realidade”, engadiu.

Neste senso, Borja López, secretario de Políticas LGBTI e Movementos Sociais das Xuventudes Socialistas de Galicia, aproveitou a súa intervención para poñer o foco nos retrocesos –simbólicos e institucionais– que están a supoñer as coalicións entre o PP e Vox tralas recentes eleccións municipais. “A Feijóo non lle tremeron as pernas para pactar con Vox e asumir como propio o discurso da extrema dereita, eliminando as concellerías de igualdade e retirando as bandeiras do arco da vella das casas consistoriais onde cogobernan”, destacou.

Criticou tamén ás formacións políticas que co gallo do Día Internacional do Orgullo LGBTI se suman a defender os dereitos de todos e todas pero que no día a día se poñen de perfil ante o odio. “Nos 13 anos que Feijóo estivo como Presidente da Xunta o único paso que se deu nesta materia foi en 2018, coa creación do Observatorio Galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero. Pero este centro é o timo da estampita do PP, pois tanto el coma o seu sucesor, Rueda, aportaron menos do 0,5% do total dos orzamentos anuais ás actividades e proxectos organizados pola entidade”, denunciou.

Así e todo, este ano o lema das Xuventudes Socialistas de Galicia é: “Fronte ó odio, o noso ORGULLO”. Pois, segundo reivindican, fronte a ese país en branco e negro que quere volver ás cavernas, os e as socialistas perseguen un país diverso e plural, do que toda a cidadanía poida formar parte e ninguén quede excluído.

Finalmente, a secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González, incidíu na importancia de seguir organizando unha programación máis aló do propio Día Internacional do Orgullo. “Este é o terceiro ano que a mocidade socialista saca adiante unhas xornadas que, na antesala das eleccións xerais, cobra especial importancia. Temos que colaborar para que o noso país e a nosa cidade poidan avanzar. Ninguén quere retroceder”, afirmou.