Xunta Local de Seguridade en Salceda de Caselas

Convocada de xeito urxente para tratar a problemática de orde público

Salceda de Caselas | A alcaldesa de Salceda de Caselas, Verónica Tourón e a subdelegada de goberno Maica Larriba presidiron hoxe a Xunta Local de Seguridade Extraordinaria, convocada de xeito urxente para tratar a problemática de orde público que sufre a vila nestes últimos fins de semana.

“Abordouse a situación que se está a producir debido ás aglomeracións de persoas na rúa Pontevedra, nas intermediacións da zona de ocio nocturno”

Abordouse a situación que se está a producir debido ás aglomeracións de persoas na rúa Pontevedra, nas intermediacións da zona de ocio nocturno. Situación que se intensifica despois do peche dos locais á hora que esixe a lei, non permitindo o descanso e a boa convivencia da veciñanza.

Nestas aglomeracións prodúcense conductas que xa deron orixe a sancións por parte da Garda Civil e Policía Local que intensificaron a súa labor de vixilancia na última fin de semana. A pesar deste aumento da vixilancia o problema persiste, polo que a alcaldesa, Verónica Tourón solicitou apoio á subdelegación de goberno.

A alcaldesa tamén mantivo o pasado luns unha reunión cos representantes das comunidades de propietarios das vivendas da rúa Pontevedra e coas persoas responsables dos locais, tras as inquedanzas trasladadas pola veciñanza.

Na Xunta Local de Seguridade, nas que estiveron representadas as forzas e corpos de seguridade da Garda Civil e da Policía Local, ademais da Tenente de Alcaldesa Loli Castiñeira e a concelleira de seguridade Lucía Pereira, chegouse ao acordo de que dende os corpos e forzas de seguridade, garda civil e policía local, en función de como se desenvolvan os acontecementos se poñan a disposición do concello de Salceda de Caselas todos aqueles recursos que sexan necesarios, mentres esta situación xere inseguridade e inquedanzas na poboación.

Lucía Pereira, concelleira de seguridade: “dende o concello estase a facer un importante esforzo cos recursos dos que dispoñemos para atallar esta situación puntual e tratar de recuperar a harmonía entre o ocio e o descanso da veciñanza, que sempre foi o obxectivo”.

Verónica Tourón, alcaldesa de Salceda fai unha valoración moi positiva do acordo acadado nesta Xunta Local de Seguridade, coa subdelegada de Goberno. O ocio nocturno debe ser compatible co benestar e descanso da veciñanza da zona, polo que concello, subdelegación e forzas e corpos de seguridade traballaran coa máxima coordinación e con todos os medios dispoñibles para que isto sexa así.

Dende o equipo de goberno a pretensión é que a boa convivencia sexa posible, e que Salceda continúe a ser unha vila segura, como reflexan os datos que hoxe mesmo nos trasladou o Tenente Coronel da Comandancia da Garda Civil que nos acompañou hoxe nesta xunta.