Xunta de Galicia premia a once centros educativos no marco do 25N

A secretaria xeral da Igualdade presidiu o acto de entrega dos premios de creación gráfica e audiovisual

Santiago de Compostela | A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presidiu hoxe na Cidade da Cultura o acto de entrega dos premios de creación gráfica e audiovisual do concurso convocado pola Xunta co gallo do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero.

Alí gavou o talento, a creatividade e a coraxe do estudantado galardoado -dun total de 11 centros educativos-, sinalando que cos seus traballos exercen de axentes de cambio, amosando o seu compromiso por un futuro libre de violencia contra as mulleres.

En concreto, escolares da Coruña, Padrón, Lugo, Navia de Suarna e Salceda de Caselas resultaron primeiros nas diferentes categorías, nas que tamén foron recoñecidas pezas gráficas e audiovisuais de centros de Pontevedra, Nigrán, Chapela, Cospeito e Alfoz.
Así, no certame foi gañador na 1ª categoría de imaxe gráfica -para 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Educación Especial- unha alumna de 1º da ESO do colexio Montesol, de Salceda de Caselas, polo seu traballo Deixa aflorar a túa cara máis brava. Plántate! Mentres, o segundo premio recaeu noutra rapaza -neste caso- de 2ª da ESO do IES Luis Seoane, de Pontevedra, pola proposta Non teñas medo de ser quen es.

Na modalidade audiovisual desta mesma categoría, o xurado valorou como mellor traballo Que o teu espello sempre che devolva o teu sorriso, dun grupo de 2º da ESO do IES Camilo José Cela, de Padrón. O segundo premio foi para Que non che digan que non podes, de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Laredo, en Chapela.

Na 2ª categoría -dirixida a 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato, FP básica e de ciclos de grao medio e superior- o primeiro posto na modalidade de imaxe gráfica foi para unha alumna de 1º de Bacharelato do IES Ánxel Fole, en Lugo, polo seu traballo Cóntao… Todo cambiará. Concedéronse tamén un segundo premio, a un equipo de 4º da ESO do CPI Virxe do Monte, da localidade lucense de Cospeito, polo traballo Non toda a violencia é visible, pero en toda hai que actuar; e un accésit ao cartel dunha rapaza de 4º da ESO do IES Escolas Proval, do concello pontevedrés de Nigrán, co título A realidade ten dúas caras, non te deixes enganar polas apariencias.

Na modalidade audiovisual destes cursos, os recoñecementos foron para dúas propostas. O primeiro para NON es a súa cousa, dunha alumna de 4º da ESO do CPI plurilingüe do municipio lucense de Navia de Suarna. A prata foi para Sumemos contra a violencia de xénero, montaxe realizada por un grupo de 3º da ESO do IES Alfoz-Valadouro, do concello lucense de Alfoz.

Por último, na 3ª categoría -dirixida a alumnado das Ensinanzas especiais de artes plásticas e deseño- o primeiro posto na modalidade de imaxe gráfica foi para un grupo de 2º curso de Deseño Gráfico da Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, titulado Abre os ollos.

O xurado estivo integrado por representantes da Secretaría Xeral da Igualdade, da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista. Recoñeceu a calidade técnica e creativa das propostas da presente convocatoria e tivo en conta na súa valoración a transmisión dunha mensaxe clara de rexeitamento fronte á violencia de xénero. Con esta iniciativa, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade pon en valor a reflexión sobre a violencia de xénero realizada no eido escolar co foco posto na prevención, na detección precoz, na intervención e no recoñecemento das novas violencias.