Xunta de Galicia e Editorial Galaxia unen esforzos no Pacto pola Lingua

O Conselleiro José López Campos tamén se reunirá coa RAG

Vigo | O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reuniuse hoxe en Vigo co director da Editorial Galaxia, Xosé Manuel Soutullo, no marco das xuntanzas que está a manter para “seguir dando pasos que nos permitan avanzar de xeito firme cara á consecución dun Pacto pola Lingua”. Neste senso, considerou “esencial abrir este proceso a entidades como esta, tan relevante e senlleira para a lingua e literatura galegas ao longo dos seus 74 anos de historia”.

López Campos amosouse convencido de que este proceso a prol de impulsar un maior emprego do noso idioma debe culminar cun “gran pacto social”. Con este fin, salientou a relevancia de contar coas “valiosas achegas” dunha institución “tan simbólica para Galicia como Galaxia, que ten tido á fronte da súa presidencia figuras sobranceiras, como foi Ramón Otero Pedrayo, e que leva traballando activamente tres cuartos de século polo prestixio da literatura, cultura e lingua galegas”, aseverou.

O máximo responsable de Lingua do Goberno galego lembrou que esta reunión dálle continuidade á rolda de contactos iniciada primeiramente cos grupos parlamentarios, seguidas coas xuntanzas co Consello da Cultura Galega e representantes da institución eclesiástica, como o arcebispo da Diocese de Santiago, Francisco José Prieto.

Reunión coa Real Academia Galega
Precisamente, López Campos anunciou que, á xuntanza de hoxe en Vigo, seguiralle este venres, día 22, a reunión na Coruña coa Real Academia Galega “nesa folla de ruta marcada de abrir e enriquecer este pacto coas institucións máis relevantes da sociedade galega, e que son imprescindibles como aliadas para pór en marcha medidas que permitan reforzar a presenza e prestixio da lingua en todos os eidos”, valorou.

Nesta liña, o conselleiro tamén adiantou que estas conversas serán completadas con outros encontros con entidades como a Administración xeral, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as universidades.

Ao respecto, o responsable autonómico de Lingua manifestou que se está “un momento único” para unir forzas e traballar en conxunto polo prestixio da nosa lingua, “demostrando o compromiso de todos e todas polo noso maior tesouro”.

Con este obxectivo, incidiu nas liñas claves da proposta realizada polo goberno galego para chegar a este Pacto pola Lingua, baseadas na renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega coa creación de comisións de traballo antes de final de ano formadas por persoas de recoñecido prestixio; a posta en marcha dun plan de 50 medidas para impulsar o uso do galego en diversos eidos; o incremento dun 30 % da partida destinada a accións de dinamización da lingua nos orzamentos de 2025; situar a CRTVG como catalizadora da lingua, favorecendo produtos en galego, e seguir as recomendacións para Galicia da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias como referencia.

Ano Castelao no 2025
Durante a reunión, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e o director xeral de Galaxia tamén abordaron a proposta do Goberno galego de declarar no 2025 o Ano Castelao, xa que o vindeiro ano é o 75 aniversario do pasamento do intelectual que coincide cos 75 anos de nacemento da editorial.

Precisamente, o departamento que dirixe López Campos e Galaxia afondaron neste encontro nas posibles colaboracións da Xunta con gallo desta celebración da editorial, que se ten convertido nun dos puntais da edición e publicacións de libros en galego con edicións e seccións para diferentes públicos e tramos de idade.

O representante da Xunta apuntou que a iniciativa do Ano Castelo en 2025 sitúase tamén no marco de actuacións para incentivar e darlle valor á lingua “uníndonos ao redor dunha figura clave para a nosa identidade”, enxalzou. Deste xeito, interpretou que, ademais de conmemorar o 75 aniversario do pasamento desta importante figura, “teremos por diante un ano de oportunidades para a nosa lingua, a nosa historia e nosa cultura”, concluíu.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.