O Pereiro de Aguiar | A Xunta de Galicia e o Concello do Pereiro de Aguiar destinarán máis de 204.000 euros á mellora da contorna da casa consistorial, segundo recolle o convenio asinado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde ourensán, Luís Menor Pérez.
Esta actuación, cun prazo de execución de cinco meses, acometerase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. Deste xeito, tal e como explicou Ángeles Vázquez, a Xunta financiará o 70% da obra e o concello asumirá o 30% restante.
Neste caso concreto, levarase a cabo unha intervención para mellorar a contorna da Casa do Concello. Así, a obra consistirá, fundamentalmente, na repavimentación da rúa que se atopa fronte ao edificio e, na parcela localizada ao leste do mesmo, a construción dun aparcadoiro co fin de aproveitar ao máximo o espazo dispoñible.
O Concello do Pereiro de Aguiar e a Consellería xa colaboraron tamén na humanización e mellora do equipamento público do núcleo principal do municipio, unha obra rematada o ano pasado e na que ambas administracións investiron máis de 165.000 euros.
A actuación, que se desenvolverá tamén no lugar do Pereiro, enmárcase no mesmo proxecto municipal e permitirá darlle continuidade e completar os traballos de humanización xa executados.
Durante a sinatura, Ángeles Vázquez eloxiou o labor do alcalde promovendo un proxecto destinado a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Ademais, a conselleira aproveitou para lembrar que, desde a posta en marcha do plan Hurbe, se mobilizaron ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 iniciativas urbanísticas en decenas de concellos galegos, co fin de habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor as súas contornas urbanas.