Xunta de Galicia e Concello de Mos impulsan a iniciativa “Camiño de futuro”

Para promover a innovación e a competitividade

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participaron hoxe na Axencia de Colocación do Concello de Mos nun encontro no marco da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Xunta para difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento.

Neste contexto, coincidiron en destacar que dar prioridade á innovación é hoxe en día a clave para recuperar o crecemento posterior á crise, máis se cabe no contexto de incerteza e inflación actual. Destacaron así que o obxectivo destes encontros, que se inscriben no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, é animar ás pequenas e medianas empresas a iniciar o camiño da innovación, para ser máis competitivas e medrar, así como para facer fronte aos retos globais actuais que dificilmente se poden abordar sen innovación.

Na súa quenda de intervención, a delegada incidiu na importancia de coñecer de primeira man as inquedanzas e necesidades do tecido empresarial galego e animalo a innovar, como principal vía para ser competitivos e medrar. “O valor destas xornadas reside en poder estar preto de vós, do núcleo da nosa economía”, aseverou. Pola súa banda a directora explicou que as pemes son o motor da economía galega e que, por iso, acompañalas nesta senda é unha prioridade para a Xunta de Galicia.

Ademais destes encontros, que percorrerán catorce puntos da xeografía galega ao longo dos meses de marzo e abril, o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes inclúe outras actuacións, como liñas de axuda pensadas para empresas tradicionais e sectores maduros que queren empezar a innovar; difusión da cultura da innovación para incrementar o número de pemes innovadoras; desenvolvemento de contidos formativos e ferramentas para que as pemes poidan avaliar a súa capacidade para innovar; difusión de casos de éxito de empresas innovadoras da contorna e asesoramento personalizado.

No encontro celebrado en Mos persoal de Gain e do Igape, dependentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, o subdirector de Acuicultura da Consellería do Mar, Gonzalo López Santos, así como dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) Condado-Paradanta, explicaron as diferentes convocatorias de axuda activadas pola Xunta. Tamén participaron represidentantes do GDR AsociacióN Galicia Suroeste Eu Rural e do GALP Ría de Vigo- A Guarda.

Ademais, presentáronse casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de distintos sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. En concreto, estiveron representantes da empresa Utingal, dedicada á fabricación de máquinas especiais para automoción e aeronáutica, e de Tespa Engineering Projects, fabricante de sistemas automatizados a medida.

Camiño de futuro dá continuidade á iniciativa Camiño da innovación, unha das primeiras actuacións do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ao longo dos meses de novembro e decembro pasados percorreu a través dun espazo itinerante un total de 18 localidades das catro provincias galegas, realizando máis de 240 asesoramentos a pemes galegas e asistindo máis de 550 persoas aos encontros.

Máis información sobre Camiño de futuro neste enlace.

Outros artigos