Xunta de Galicia destina 500.000€ anuais para comedor escolar en Nigrán

Que da servizo a 527 nenos de catro colexios

Nigrán | A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina cada ano un total de medio millón de euros a financiar o servizo de comedor escolar no Concello de Nigrán, onde a Xunta de Galicia dá este servizo a 527 alumnos dos colexios Plurilingüe Humberto Juanes, Carlos Casares, Mallón e da Cruz, onde se serven 90.000 menús anuais.

Precisamente este mediodía o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila, xunto co xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez, e representantes dos catro centros desprazáronse ao comedor do CEIP Humberto Juanes, onde puideron comprobar de primeira man o funcionamento do servizo.

Segundo o contrato actualmente vixente, a Consellería de Educación destina un total de un millón de euros ao servizo de comedor dos mencionados centros, por un período de dous cursos escolares, a razón de medio millón por curso.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia reforzou este ano o comedor escolar cunha suba do 21% na achega por menú no caso dos 144 de xestión indirecta, entre os que se atopan os de Nigrán.