Xunta de Galicia axudará co mantemento do Pazo de Mos

De cara á organización do Festival Intercéltico 'O Son do Pazo'

Mos | O Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, reuniuse esta semana no Pazo de Mos, xunto coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde, Camilo Augusto Martínez, e a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro Alonso, cos membros da directiva da Fundación Pazo de Mos e da organización do Festival Intercéltico O Son do Pazo para abordar colaboracións da Xunta de Galicia durante este presente ano 2022.

Neste senso, consellería de Cultura, Educación e Universidade e Concello de Mos asinarán sendos convenios de colaboración para reafirmar a total entrega co festival intercéltico.

Así, administración autonómica e local levan demostrando desde o seu nacemento, e para apoiar á Fundación Pazo de Mos nos gastos relativos ao mantemento do Pazo.

Neste último caso, a Fundación recibirá unha subvención total de 22.000 euros dos cales a Xunta de Galicia aportará 12.000 euros e o Concello de Mos 10.000 euros.

Pola súa banda o apoio autonómico ao Son do Pazo farase mediante a financiación de artistas de música tradicional de primeirísimo nivel que farán que o festival poida presumir este ano dun cartel de excepción.

Así mesmo, o Concello implícase totalmente no traballo para a organización dun evento musical e cultural destas características e envergadura.

Neste senso, a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, destacou “o compromiso incondicional do Concello de Mos co seu patrimonio histórico, cultural, arquitectónico e musical, por iso continuamos a senda de apostar por eles e conveniamos coa Xunta sendos convenios de colaboración para axudar á Fundación Pazo de Mos e á organización de O Son do Pazo”.

Ademais Arévalo agradeceu enormemente “a man sempre tendida da Xunta de Galicia e da consellería de Cultura en particular, apoiando e premiando o esforzo que desde a administración local e colectivos mosenses facemos para poñer en valor a cultura galega e o Camiño de Santiago”.