Xunta de Galicia aprobou polos creativos e pistas multideporte para o Baixo Miño e Condado Paradanta

Para o vindeiro curso 2022-2023

Pontevedra | A Xunta de Galicia aprobou a implantación de nove polos creativos e a execución de dúas pistas multideporte que estrearán o vindeiro curso escolar colexios e institutos das comarcas pontevedresas do Baixo Miño e o Condado Paradanta.

O delegado territorial, Luis López, explica que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades elevou hoxe ao Consello da Xunta un informe de ambas actuacións, dúas iniciativas novidosas que se poñen en marcha ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e supoñen un investimento conxunto de case 6M€ para conxunto da Comunidade.

A comarca do Baixo Miño contará con dúas pistas multideporte nos centros educativos CEP Pedro Caselles Beltrán, de Tomiño, e CEIP Plurilingüe Nº2, de Tui, que suporán unha achega de 100.000 € por parte do Goberno autonómico.

É a primeira acción deste tipo que se pon en marcha en Galicia e a Xunta financia ata o 85% do custo destas infraestruturas lúdico-deportivas nos centros escolares que son de uso conxunto entre a comunidade educativa e a cidadanía.

As axudas van destinadas a pistas multideporte en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios (CPI) de titularidade municipal, cuxo deseño debe ser conforme aos modelos establecidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. O obxectivo é promover unha vida sa entre o alumnado e permitir a práctica dun mínimo de cinco deportes nun espazo polifuncional.

Polos creativos
No caso dos polos creativos, o obxectivo principal é consolidar a Galicia como referente a nivel estatal na incorporación de tecnoloxías STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ao proceso de ensino-aprendizaxe no sistema educativo público. A primeira fase de implantación chegará este setembro a un total de 138 centros educativos galegos cun investimento que supera os 4M€.

Na comarca do Baixo Miño promoveranse en catro colexios -os CEIP Plurilingüe de Tebra e de Sobrada, en Tomiño; os CEIP de Rebordáns e Plurilingüe Nº1, en Tui-.

No Condado Paradanta contarán con estes polos creativos un total de cinco colexios e institutos – o CPI da Cañiza, o CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, en As Neves, e os centros ponteareanos IES do Barral, CEIP Plurilingüe Nosa Señora dos Remedios e CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera.

Os polos creativos son lugares de innovación educativa nos que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Terán un deseño modular e innovador acorde co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dotados de equipamento especializado e organizados didacticamente para o fomento da creatividade, a aprendizaxe por competencias e o traballo manipulativo. Isto é, centros de actividades nos que se abordarán aspectos como a intelixencia artificial, as tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual ou a robótica, entre outros.

Así pois, nos centros seleccionados nesta primeira fase en toda Galicia, a Consellería de Educación despregará arredor de 22.000 unidades de material e equipamento especializado. Entre eles máis de 1.800 robots ou kits de robótica, máis de 2.100 elementos de equipamento audiovisual, preto de 1.000 tablets e 140 taboleiros interactivos, más de 500 elementos de corte por control numérico, escaneado e impresión 3D e unhas 9.000 unidades de mobiliario avanzado, flexible e innovador.