Xornadas sobre os refuxiados en “A Casa da Triga ” de Ponteareas

NDEA-Manifesto Refuxiados A Casa da Triga

Ponteareas | A asociación cultural “A Casa da Triga” ven de presentar un programa de actividades no que os refuxiados serán o tema de referencia. Dende o venres 25  ata o xoves 31, de marzo, haberá charlas, recitais literarios, exposicións de obras plásticas, vixilia polos refuxiados e a lectura dun manisfesto.

Programación:

VENRES 25
18,00 h. Apertura da exposición de obras plásticas de Irene Silva, Jose Manuel Ucha, Chus Láuzara e Belén Pazos (até o 16 de abril)
23,00 h. Recital literario-musical: Isabel Blanco, Xurxo Troncoso, Paco Represas. Lectura do manifesto: “Refuxiados” *Por cada copa A Casa da Triga destinará 0,5 € a ACNUR e por calquera consumición participas no sorteo de tres suscricións anuais de socio/a de ACNUR
SÁBADO 26
12,00 h. Sesión vermú con música tradicional galega (Sacaranse a poxa entre os asistentes 50 pezas de música tradicional a 2 euros cada peza que se destinará a ACNUR).
23,00 h. Vixilia polos refuxiados Performance con música ao vivo de Daniel Pequeño Prendido de candeas (a 2 euros cada candea que se destinará a ACNUR). *Por cada copa A Casa da Triga destina 0,5 € a ACNUR e por calquera consumición participas no sorteo de tres suscricións de socio/a de ACNUR.
MARTES 29
20,15 h. “Alejandro Viana, ponteareán valedor dos refuxiados republicanos en Francia (1939-1941)”, a cargo de Roberto Mera
XOVES 31
20,15 h. “Refuxiados”, a cargo do fotoxornalista Felipe Carnotto

MANIFESTO REFUXIADOS “A Casa da Triga”
Semana Santa 2016.

O cristianismo conmemora a paixón, morte e resurrección de Xesús de Nazaret. A tradición cristiá fálanos da traizón de Judas, do enxuizamento de Xesús perante o Sanedrín, do seu escarnecemento, da covardía do poder político representado polo imperio romano e Poncio Pilato e da crueldade dunha sociedade manipulabel que libera a Barrabás e condea a morte a un inocente. Azoutado, torturado cunha coroa de espiñas, obrigado a levar a súa cruz, acabará sendo executado por crucifixión no Gólgota.

Hoxe, dous mil anos despois, nós asistimos a outras paixóns e outras mortes que queremos denunciar e honrar. Asistimos a unha infamia que mata a persoas de carne e oso, mulleres, homes, nenas e nenos coma nós. Perseguidos, fuxindo das guerras e da violencia, percorrendo o seu particular viacrucis por estradas, montañas e mares convertidos en cemiterios ou fosas comúns.

Non cargan cunha cruz, pero traen ás costas as súas escasas pertenzas.

Non levan unha coroa de espiñas, pero verten o sangue das feridas da guerra, da violencia, dos abusos ou das violacións.

Non son azoutados e agredidos cos látigos e as lanzas dos soldados romanos; agora sinten nas súas carnes os porrazos e os gases lacrimóxenos dos vixiantes das fronteiras dun novo imperio.

Non escoitan “soltade a Barrabás”; agora sinten o silenzo da indiferenza e o berro da xenofobia, o racismo e a insolidariedade que reclama a súa deportación.

Non agardan a súa resurrección, só esperan a nosa insurrección.

Non son executados nunha cruz, pero morren a centos e a miles afogados nas costas e nas praias dunha Europa, que coma o Poncio Pilatos desta traxedia, se lava as mans desde a máis noxenta covardía e complicidade.

Nos tamén imos celebrar a nosa Semana Santa.

As imaxes ás que honraremos non son santos. Son os traballos artísticos de Irene Silva, Jose Manuel Ucha, Chus Láuzara e Belén Pazos que representan a miles de refuxiados sen rostro. Eles son os iconos que presiden o noso particular templo de homenaxe aos refuxiados: A Casa da Triga.

O noso altar non será ostentoso, senón humilde e simbólico, conformado con salvavidas, maletas, mantas ou sacos terreiros, perante o que celebraremos a nosa particular vixilia pascual na noite de sábado santo.

Os nosos rezos e oracións non serán letanías rutineiras, senón os poemas e a prosa de predicadores da palabra comprometida e conscente. A verba de Isabel Blanco, Xurxo Troncoso e Felipe Carnotto.

Os nosos cánticos non serán aleluias, senón as voces e os sons solidarios de Daniel Pequeño, Paco Represas ou o Son da Triga.

Os nosos santos, aos que renderemos homenaxe, non levitaban nin erguían a espada ante os mouros, senón que, coma o ponteareán Alejandro Viana, arriscaban a súa vida evacuando a milleiros de refuxiados acorralados polo fascismo en Francia.

As nosas esmolas e doazóns non irán parar a ningunha confesión de ampulosas basílicas e desbordantes riquezas, senón a seres humanos, aos refuxiados, para aliviar o seu sofremento.

E os nosos fieis seredes vos, persoas comprometidas, conscentes e sensibeis ante a traxedia e indignadas ante a indiferenza.

Xesús de Nazaret dixo dos seus verdugos ao seu metafísico pai: “Perdónaos porque non saben o que fan”.

Mais nós dicímoslle a Europa, aos seus Estados, ás súas institucións e aos seus dirixentes: nós non perdoamos, porque sabedes o que facedes.

Na memoria e en homenaxe aos milleiros de refuxiados e refuxiadas. Estamos con vós.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!