Xornadas enogastroturísticas Marida Maio na Ribeira Sacra

Encontros gratuítos que impulsan no Centro do Viño de Monforte

Monforte de Lemos | Pilar García Porto, deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, participou na presentación da iniciativa Marida Maio, organizada pola Asociación provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL). A Deputación de Lugo impulsa estes encontros gratuítos que se celebran todos os xoves deste mes á tardiña no Centro do Viño da Ribeira Sacra, na cidade do Cabe.

A institución provincial enmarca esta iniciativa no acordo polo que aporta 40.000 euros á asociación para a posta en marcha de iniciativas e accións formativas para hostaleiros da provincia. García Porto destacou que “a Ribeira Sacra é un tesouro que debemos preservar e promover, non só polo seu valor paisaxístico, senón tamén polo seu rico patrimonio gastronómico e vitivinícola. Temos diante de nós unha oportunidade única para destacar os nosos viños, os nosos alimentos e todo o noso saber facer”.

Neste sentido, afirmou, “é crucial apostar polo turismo sostible porque debemos garantir que o crecemento económico vaia de man coa conservación do noso medio ambiente e o noso patrimonio cultural. Na Deputación temos clara a nosa política turística: turismo de calidade, sostible, de proximidade e non masificado”.

A deputada invitou aos monfortinos e a todos os lucenses “a desfrutar dos produtos locais e apoiar aos nosos produtores. Temos viños que son verdadeiras obras de arte, como os que hoxe podemos degustar aquí, e alimentos que nos lembran a tradición e a historia desta terra”.

Marida Maio arrincou este xoves coa presentación dos viños das bodegas Val do Frade e Cruceiro, o bo facer do restaurante monfortino Manuel Bistró e a Fundación Belarmino Fernández Iglesias, de Sober.

Para próximas xornadas, que serán os días 23 e 30 de maio de 19:30 a 21:00 horas, participarán outras bodegas, restaurantes e empresas turísticas para dar a coñecer os seus produtos e servizos. A asistencia é gratuíta, pero é preciso reservar no 982 412 050 ou no 982 404 715 porque a capacidade está limitada a trinta persoas.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.