
Ourense | “Humanizar non é simplemente ser amable. É entender que a atención sanitaria non comeza nin remata nunha técnica, nunha intervención ou nun resultado clínico. Comeza moito antes, cando unha persoa necesita confiar en nós, e continúa despois, cando necesita sentirse acompañada durante a súa recuperación”. Así principiou a súa intervención o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, na clausura das ‘I Xornadas de Humanización do Proceso Perioperatorio’, que se desenvolveu este serán no Auditorio Municipal de Ourense.
Pardo lembrou que dende o Goberno galego sabemos que contar cun sistema sanitario de calidade significa dispoñer de profesionais cualificados, de medios adecuados, de investigación e de innovación. Pero tamén significa non perder nunca de vista a dimensión humana da asistencia. “A sanidade pública é, por riba de todo, un servizo ás persoas. E a súa fortaleza tamén se mide pola capacidade de ofrecer unha atención próxima, sensible e respectuosa, especialmente nos momentos nos que os pacientes máis a necesitan”; salientou.
Por iso, Manuel Pardo felicitou ao equipo que desenvolveu o ensaio clínico aleatorizado titulado: ‘Eficacia de una intervención enfermera para la reducción de la ansiedad en pacientes quirúrgicos’; un traballo que avala que algo aparentemente tan sinxelo, e ao mesmo tempo tan importante, como acompañar, informar e preparar emocionalmente o paciente e a súa familia antes da cirurxía pode ter efectos moi significativos.
Iniciativas como esta merecen ser recoñecidas e apoiadas, sinalou o delegado da Xunta, porque nacen do compromiso dos propios profesionais, da súa capacidade para cuestionar o que se pode mellorar e da súa vontade de compartir o coñecemento para que outras persoas e outros equipos poidan beneficiarse del. Puxo en valor a participación multidisciplinar nas xornadas, que contaron coa asistencia de facultativos, enfermeiras, psicólogos clínicos, técnicos en coidados, auxiliares de enfermería, celadores e demais persoal sanitario, así como de pacientes, familiares e asociacións.
Pardo felicitou a todas as persoas que van recibir os premios destas xornadas. Pois, segundo o delegado da Xunta, “detrás de cada traballo recoñecido hai horas de dedicación, esforzo, estudo e ilusión; pero hai tamén unha vontade común: facer mellor o noso traballo e, con iso, mellorar a atención que reciben os pacientes”. Foto de Alejandro Soriano Soto.




