XLIV Semana do Cine de Lugo

Do 19 ao 24 de setembro de 2022

Lugo | Nos próximos días comezará a difundirse o cartel anunciador da XLIV Semana de Cine de Lugo, que organiza Fonmiñá co apoio da Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e Universidade de Santiago-Campus de Lugo.

O cartel é unha extraordinaria colaboración de SIRO (Siro López Lorenzo), coa Semana cunha caricatura de María Casares, no seu centenario, coa lenda “María Casares vive desde hai cen anos. Viva María Casares!”. Precisamente, por esta efeméride, a Semana honrará a María Casares cunha “retrospectiva” e exposición na Biblioteca Provincial, e a colocación dunha placa coa caricatura de Siro no Paseo do Cine de Lugo.

Homenaxearase asimesmo á cineasta, escritora e profesora de Castro de Rei, Margarita Ledo Andión, coa proxección da súa película “Nación” na sala da Deputación, e a colocación dunha placa no Paseo do cine.

Outras homenaxes serán rendidas a Darío Xoán Cabana (coa proxección da película A MARIÑEIRA); a José Luis López Vázquez polo seu centenario, coa proxección de EL BOSQUE DEL LOBO (rodada en Lugo); a UCRANIA (coa película EL ACORAZADO POTENKIM) e á realidade social “E para comer, Lugo…”, coa estrea da película UN BOCADO EXQUISITO.

Na sala da Deputación será proxectado o Ciclo de películas DOCUMENTAIS a Concurso; na Casa do Saber (Universidade), poderanse ver as películas a oncurso de AS CURTAS TAMEN SON CINE e ciclo de CINE GALEGO.

No Vello Cárcere programarase o ciclo a concurso de CINE GALEGO (longametraxes), e no Auditorio Gustavo Freire proxectaranse as películas a concurso da Sección Oficial e do Ciclo de cine español inédito (Cine das Nacionalidades), así como a Sección Infantil. E dentro do ciclo DEIXADE QUE O CINE…, inclúense ciclos de películas a proxectar na sede de Aspnais, e nos centros penitenciarios de Teixeiro, Bonxe e Monterroso.

Outros artigos