
Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, participou hoxe en Boborás na entrega da 41ª edición do Premio Antón Losada Diéguez, un dos galardóns máis prestixios das letras galegas, que nesta ocasión recoñeceu o traballo de Cynthia Menéndez e Carmen V. Valiña. Un Premio que é o xusto tributo de Galicia á vosa excelencia creadora”, asegurou Menor na súa intervención.
O presidente provincial comprometeuse a seguir apoiando este certame porque a cultura ocupa “un lugar prioritario na nosa folla de ruta”. A colaboración da Deputación con este certame significa “protexer o noso legado”, así como dicirlle á veciñanza que “o que somos importa, e que o noso idioma é a nosa ferramenta máis potente”, sinalou Menor.
Tamén puxo en valor ademais, a traxectoria deste premio que logo de 41 edicións converteuse nunha “institución en si mesma” cumprindo unha dobre función: “premiando a excelencia do presente e mantendo vivo o legado dun ilustre ourensán que nos permite entender o que hoxe somos”.
Ao fío disto, Menor destacou a pegada ourensá na historia da cultura galega con referentes como Antón Losada, quen xunto a outros ourensáns, foron “o motor clave” na creación da Xeración Nós, demostrando “o amor pola nosa lingua e a nosa terra a través dun proxecto moderno, universal e de vangarda”. Un patrimonio que desde as institucións debemos “conservar e poñer en valor”, sinalou Menor.
Para Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense, xunto con Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas ou Ramón Cabanillas, Antón Losada Diéguez foi un dos exemplos dunha xeración que agrupaba aos considerados pais do galeguismo contemporáneo; a xeración Nós
Manuel Pardo subliñou que Losada Diéguez, ideólogo do artellamento do grupo Nós, atraeu a numerosos intelectuais á causa galeguista e o seu creto procedía da conversación, do discurso e do intercambio epistolar.
O delegado puxo en valor o compromiso do Goberno galego co impulso e a posta en valor dos espazos e infraestruturas que promovan a nosa cultura e manteñan viva a memoria dos persoeiros que contribuíron a forxala
As premiadas
Cynthia Menéndez foi galardoada na modalidade de “creación literaria” por Son coma glaciares os barcos de aceiro, unha novela que segundo o xurado é unha “narración de alento lírico e esteticamente innovadora” como homenaxe á cultura industrial e obreira no naval de Vigo.
Mentres que Carmen V. Valiña resultou gañadora da modalidade de “ensaio e investigación” por As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936), de quen o xurado destacou a súa capacidade para combinar o rigor histórico cun estilo próximo á narrativa de ficción, ofrecendo unha análise crítica da realidade das mulleres internadas no sanatorio compostelán e abordando cuestións como a violencia machista ou a disidencia social. O certame, impulsado polos concellos de Boborás e O Carballiño e coa colaboración da Deputación de Ourense, está dotado con 12.000 euros, 6.000 para cada unha das gañadoras.




