Xantar 2026 reivindica a gastronomía como motor do desenvolvemento rural e turístico

O empresario Jorge Bermello recibiu homenaxe como impulsor do recinto feiral de Expourense hai 30 anos

Ourense | Xantar 2026 pechou a súa 27ª edición poñendo fin a catro días de intensa actividade, traballo e confraternización nos que 74 expositores deron a coñecer os seus recursos turísticos e gastronómicos e nos que Portugal destacou como país invitado. Xantar contou cun centenar de actividades repartidas en dúas aulas gastronómicas. Talleres de cociña, degustacións e catas estiveron completas desde o primeiro día ata o último e que contaron cun total de máis de 5.000 asistentes. Rogelio Martínez, xerente de Expourense, explicou que “Xantar é xa moito máis que un lugar onde comer ou cear con menús completos e de calidade. É un punto de encontro e de formación”. En total, o salón rexistrou 12.000 visitas durante os catro días de celebración do salón.

O acto de clausura estivo presidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, que fixo fincapé no papel da dieta galega na lonxevidade dos habitantes de Ourense, provincia que busca converterse nunhas las poucas áreas do mundo denominadas “Zona Azul” polo seu alto cociente de habitantes que superan os cen anos. Citou expresamente o enfoque de Valentín Fuster para subliñar os piares da lonxevidade dos centenarios galegos: o movemento físico, as relacións sociais e a motivación vital.

Jorge Bermello
No ano do seu 30º aniversario como recinto, Expourense realizou un recoñecemento ao empresario ourensán Jorge Bermello que foi o impulsor da construción do recinto feiral en 1996. Durante a recollida deste recoñecemento, Bermello fixo un repaso dos inicios do recinto feiral comentando que en 1999 foi o entón presidente de Galicia, Manuel Fraga, o que lle puxo o nome de “Xantar” á feira gastronómica que se estaba organizando por primeira vez nas instalación.

Tamén foi o día dedicado aos patrocinadores e colaboradores de Xantar que se celebrou con la tradicional entrega de placas. O evento foi un exemplo de cooperación público-privada. Entre os seus principais apoios conta coa administración autonómica (a través do apoio da Axencia de Turismo de Galicia e das Consellerías de Mar e do Medio Rural), entre outras colaboracións como la de Economía Social de Galicia, da Dirección Xeral de Comercio e da Dirección Xeral de Formación Profesional. Tamén contou co apoio da administración provincial a través da colaboración da Deputación de Ourense e do INORDE.

Galicia Gourmet
Por primeira vez en Xantar `participou a empresa ourensá Galicia Gourmet que no recinto da Unión de Hostaleiros Ourensáns presentou: aperitivos de queixo e embutidos; táboa de embutidos, táboas de queixos e táboa mixta. A experiencia en conserva estaba integrada por mexillóns en salsa galega, paté de navallas á prancha, navallas en aceite de oliva, zamburiñas en salsa de vieiras, paté de bacallau con pasas e cebola caramelizada, paté de polbo ao allo, gambones ao allo e paté de atún con mostaza e mel.

Nas fotos stand de Galicia Gourmet e homenaxe ao empresario ourensán Jorge Bermello.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.