Xantar 2022 promocionou en Ourense as festas gastronómicas de Galicia

Xornada adicada ao Medio Rural, á provincia de Ourense e aos concellos do Irixo e Arnoia

Ourense | Xantar 2022 rematou a súa edición número 23 cun resultado de visitas máis baixo do esperado pero que se pode dar por bo despois de que o salón “tivese que navegar na tormenta perfecta”, tal e como explicou o director de Xantar, Rogelio Martínez, durante o acto de clausura.

Na súa intervención fixo referencia a que a feira coincidiu cunha ponte festiva, cunhas intensas festas de San Martiño na cidade, cun veranillo de San Martiño que anima á xente para “saír ao monte” e coa celebración de magostos en toda a provincia de Ourense. O director da feira agradeceu aos 165 expositores e aos 8 restaurantes por celebrar unha edición de “moi alto nivel” que, a pesar das circunstancias, reuniu a máis de 16.000 visitas.

Cabe destacar a participación en todas as actividades celebradas no salón coas 3 aulas gastronómicas e a aula de cata cheas en cada un dos talleres de cociña e demostracións.
Nesta última xornada se celebrou o Día Mundial do Enoturismo que estivo dedicada á provincia de Ourense e aos concellos do Irixo e A Arnoia representados polos seus alcaldes, Manuel Cerdeira e Rodrigo Aparicio, respectivamente.

Neste acto de clausura participou tamén o restaurador Tony Soares, xerente do restaurante Inner Bay de New Bedford en Massachusetts que acudíu a Xantar a montar un restaurante sendo así a primeira vez que o salón conta con participación procedente de Estados Unidos.

Tamén foi o día dedicado aos patrocinadores e colaboradores de Xantar que se celebrou coa tradicional entrega de placas. Ademais de promocionar a gastronomía dos Camiños, Xantar 2022 estivo centrado na promoción das festas gastronómicas de Galicia creando un espazo exclusivo no que se realizaban a diario varias presentacións e degustacións dos produtos que dan nome a esas festas contribuíndo ademais a dinamizar o turismo de proximidade.

Durante os cinco días do salón promocionáronse unha trintena de festas gastronómicas. Esta xornada de clausura incluíu a promoción da Festa do Pemento da Arnoia, a do “Botelo” do Barco de Valdeorras e da “Galo Piñeiro” do Pino.

A próxima cita celebrada no recinto será o venres 18 de novembro, xa coa celebración da Gala de Entrega dos VII Paraugas da Comunicación e o Marketing de Galicia que organiza a Agrupación industrial da Comunicación de Galicia.

A próxima feira do calendario de Expourense será a V edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo e o III Congreso Internacional de Turismo Deportivo que se celebran o 24 e o 25 de novembro.