Volve o Festival Folclórico Internacional de Coruxo

Con grupos de Galicia, Madeira, Angola e Porto Rico

Vigo | O Grupo Etnográfico A Buxaina de Coruxo celebrará, o próximo luns 25 de xullo, o seu Festival Folclórico Internacional no campo do Vao tras dous anos de parón dadas as circunstancias derivadas pola pandemia. O acto comezará ás 21:30 horas mais a apertura de portas das instalacións do Coruxo F.C. será ás 21 horas.

Trátase dun acto anual que A Buxaina organiza en colaboración co Centro Recreativo Artístico e Cultural de Coruxo (CRACC) e que ten como obxectivo principal dar a coñecer o folclore e a cultura de grupos de diferentes partes do mundo a través do seu baile e a súa música.

O Folclórico Internacional de Coruxo, popularmente coñecido como FIC, é un festival creado xa en 1990 polo Grupo Etnográfico A Buxaina, converténdose así nun festival pioneiro en Galicia. É un evento moi coñecido máis alá das fronteiras viguesas e da súa área metropolitana, por iso acoden a el, ano tras ano, persoas de arredores e doutras cidades. Mostra disto son as elevadas cifras de asistencia nas edicións desta última década que teñen como media os 2.000 espectadores.

Este ano contaremos coa visita de grupos chegados dende Angola (Ballet Himalaya), Porto Rico (Ballet Folclórico Sabor Boricua de ELMYRBA), Madeira (Grupo de Folclore MonteVerde) e, o grupo anfitrión, Galicia (A Buxaina). Como novidade, nesta edición realizarase un serán que se celebrará o sábado 23 de xullo, a partir das 20 horas, no torreiro da capela do Vao. Alí actuarán grupos como Zurrumalla e todas aquelas personas que leven os seus instrumentos.

Dende A Buxaina, invitamos a todo o mundo a pasar unha noite máxica viaxando polas danzas e as músicas tradicionais dos países convidados. E agardamos a asistencia dos medios de comunicación para dar eco a este proxecto artístico e cultural, así como tamén a consideración de ter presente os nosos actos na axenda cultural destes.

Adxuntamos o cartaz do Festival Folclórico Internacional de Coruxo (FIC) e o do Serán D´A Buxaina co desexo de que os poidades compartir para axudarnos a encher as gradas do campo do Coruxo F.C. e o torreiro da capela do Vao.