Volve o festival “A Guarda Mar de Blues”

Os días 7 e 8 de xullo na Praza do Reló

A Guarda | Na xornada deste mércores celebrouse no Salón de Plenos da Casa dos Alonso a Presentación Oficial da terceira edición do festival musical “A Guarda Mar de Blues”, que chega este ano á Praza do Reló os días 7 e 8 de xullo.

No acto de presentación aos medios de comunicación estiveron presentes o Alcalde da Guarda, Roberto Carrero, o concelleiro Fernando Reyes e en representación do festival Óscar Martínez.

Roberto Carrero deu a benvida aos asistentes a esta presentación destacando a importancia de que este festival chegue á súa terceira edición, un festival cunha organización impecable e que traerá á Guarda a artistas moi recoñecidos que promoverán a música blues no municipio.

O Concelleiro Fernando Reyes valorou moi positivamente a celebración da terceira edición de A Guarda Mar de Blues, posto que axuda a converter A Guarda nun punto de referencia musical na comarca do Baixo Miño, cun evento cultural que se celebra nun espazo patrimonial tan importante para a vila como é a Praza do Reló, dinamizando tamén a economía localen todos os seus ámbitos, posto que traerá á Guarda a numerosos asistentes de varios puntos de Galicia, España e Portugal.

Óscar Martínez destacou os grandes músicos que visitarán A Guarda os días 7 e 8 de xullo, grandes referentes que farán as delicias dos asistentes coa súa calidade e experiencias musicais, coma é o caso de Tommy Castro & The Painkillers, Javier Turnes & The Hake Men, Mingo Balaguer & Pablo Sanpa ou Julián Maeso.

Nos vindeiros días anunciaranse os horarios definitivos desta terceira edición de A Guarda Mar de Blues. Video: https://youtu.be/GXlSh0xBOnU