Volve ao Covelo o fotógrafo minuteiro Ángel Borrué

Este 7 de maio e despois de corenta anos

O Covelo | Este sábado 7 de maio e despois de máis de corenta anos, volve o fotógrafo minuteiro á praza Mestre Cerviño. O fotógrafo, artista, profesor e veciño de Covelo, Ángel Borrué, homenaxeará ao pai deste máxico invento, o fotógrafo barcelonés Juan Cantó y Mas, e retratará ás xentes e visitantes de Covelo que pasen este sábado pola Mostra de Produtos.

Como cada primeiro sábado de mes, Covelo celebrará a súa feira de produtos ecolóxicos e de proximidade e nela daranse cita produtores e vendedores de toda a comarca.

Produtos téxtiles, macramé, artesanía, decoración, cestería, cosmética natural, xoiería, horta ecolóxica, pan artesán, maquetería, libros, prantas, xoguetes, cerámica e un longo etc de xéneros dispostos a atraer e satisfacer aos visitantes.

Trasladámonos a finais do século XIX
A novidade deste sábado vén da man de María e Ángel que, ademais do seu posto de libros, ofrecerán a oportunidade única de fotografarse ao estilo do século XIX. O 12 de novembro de 1887 Juan Cantó y Mas, fotógrafo de Barcelona e fillo do tamén fotógrafo Juan Cantó y Esclús, patentaba o primeiro aparello de fotografía automática co nome de Báscula fotográfica automática, precedente do Photomaton.

Foi o primeiro no mundo en idear un automatismo fotográfico que funcionaba mediante a introdución dunhas moedas e sería a primeira vez que se integra unha máquina, a cámara e o laboratorio fotográfico.

Daquela era unha moeda de dez céntimos a que accionaba o aparello fotográfico nos lugares turísticos, hoxe Ángel recupera este oficio tradicional case extinguido dende os anos 70 para amosalo en Covelo.

Ademais, nesta edición volverán os obradoiros para os máis pequenos e pequenas da casa e o domingo os roteiros guiados con Julio Eiroa que, nesta ocasión, chegará á Poza Piñeiro. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse no número de teléfono 654 500 652.

A Mostra de Produtos de Covelo conta co apoio da Deputación de Pontevedra e celébrase de xeito estable cada primeiro sábado de mes posibilitando un espazo de feira no que tamén se pode degustar a gastronomía local e logo partir para percorrer as múltiples rutas de sendeirismo e descansar nas casas e hoteis rurais que ofrece Covelo.