Volve á normalidade o Corpus de Ponteareas

Concello e alfombristas perfilan a nova edición tras 2 anos de pandemia

Ponteareas | Ponteareas recupera a normalidade e volverá a ser a vila do Corpus como antes da pandemia. Concello e alfombristas xa mantiveron unha primeira reunión de traballo para comezar a perfilar a celebración da edición deste 2022, “no que se recuperarán as mostras florais ao 100% e o ambiente tradicional dunha festa con 165 anos de historia ininterrompida ata a chegada do COVID”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Tras unha celebración virtual e desde os balcóns das casas no 2020 e un festexo contido o ano pasado con pequenas mostras que ocupaban menos do 40% da súa extensión habitual, o 18 de xuño deste ano as rúas ponteareás volverán encherse do arrecendo e da cor das alfombras florais.

Tamén volve á normalidade a colaboración con delegacións convidadas e xa se iniciaron os contactos coa da localidade turolense de Aguaviva e coa asociación arxentina Infiorata, que tiñan prevista a súa participación na edición do 2020, así como coas asociacións de alfombristas da Orotava e Monçao para manter o intercambio habitual con estas localidades. Por outra banda, xa está en marcha a elaboración do cartel desta nova edición da festa, declarada de Interese Turístico Internacional. Ademais, Concello e alfombristas traballan tamén en buscar fórmulas para incentivar a choiva de pétalos, un dos momentos máis emotivos e peculiares do Corpus ponteareán.

“Xa está en marcha a elaboración do cartel desta nova edición da festa, declarada de Interese Turístico Internacional”

“Queremos recuperar a festividade das semanas previas, cos portais cheos de veciños e veciñas esfollando as flores e preparando para facer estas verdadeiras obras de arte efémero; a ilusión de traballar toda a noite para plasmar eses debuxos que sempre nos sorprenden e, por suposto, o arrecendo das nosas alfombras o propio día de Corpus”, explica a concelleira de Turismo, Eva Gil.