Voluntariado realizou limpeza no parque forestal da Picaraña en Ponteareas

Actividade conxunta do Concello e da ADC Picaraña

Ponteareas | Ponteareas continúa coa súa campaña de recollida de lixo e limpeza nos seus montes e contornas naturais para preservar o medio ambiente, evitar a contaminación e mesmo reducir o risco de incendios.

Esta fin de semana un grupo de voluntarios e voluntarias levaron a cabo unha nova xornada de limpeza para retirar todo o lixo abandonado no parque forestal da Picaraña. Unha mañá de traballo na que as e os participantes recolleron, entre outros residuos, moitos plásticos e vidro, unha gran cantidade de latas e botellas, embalaxes e ata asentos de automóbil.

O edil de Mocidade e Voluntariado, Miguel Bouzó, quixo agradecer en nome do Concello o gran labor realizado por parte de todas e todos os participantes, especialmente o da ADC Picaraña, “non soamente pola súa colaboración nesta recollida, senón por todo o traballo que desenvolven ao longo de todo o ano para manter o parque forestal da Picaraña como un lugar vivo e atractivo”.

O programa de voluntariado ambiental xuvenil posto en marcha polo Concello busca concienciar á mocidade sobre a importancia de conservar a contorna natural e implicala para facer de Ponteareas unha vila medioambientalmente máis sostíbel.