“Voando nas Rías Baixas”, unha viaxe ornitolóxica polo Miño e o Miñor

Programa impulsado pola Deputación de Pontevedra
A Deputación de Pontevedra abriu o prazo de inscrició para a cuarta edición do programa “Voando nas Rías Baixas”, organizado pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife.

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra abriu este martes, 7 de decembro, o prazo de inscrición para a quinta e última das rutas ornitolóxicas programadas dentro da cuarta edición do programa “Voando nas Rías Baixas”, organizado pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife e que ten como obxectivo dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos.

Esta nova ruta, que se desenvolverá o vindeiro 19 de decembro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística das contornas do Esteiro do Río Miño (A Guarda), e a Foz da Ramallosa ou do Río Miñor (Nigrán e Baiona), espazos protexidos pola Rede Natura 2000.
Ofértanse 25 prazas para esta camiñada guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse na web.

A desembocadura do río Miño e a Foz da Ramallosa forman esteiros intermareais con gran diversidade de hábitats que atraen infinidade de aves, de xeito que no inverno nos pasos migratorios pódese gozar tanto de aves acuáticas coma de aves mariñas, rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras.

Entre elas hai que destacar as limícolas, coma mazaricos, biluricos, pilros ou avefrías, variedade de gaivotas, diferentes especies de parrulos, garzas, rálidos, mergullóns, ademais de aves mariñas coma os carráns cristados. Tamén é posible ver rapaces, como a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora.

A andaina estará conducida por dúas persoas guías de SEO Birdlife. Aconséllase ás persoas participantes levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo. Terán á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas.

Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.