Vinis Terrae buscou novos mercados ao viño galego de calidade

Os 64 expositores mantiveron 720 citas de negocio con compradores e importadores de 23 países

Ourense | Vinis Terrae acaba de pechar as portas da súa décima edición despois de cumprir as expectativas dos 64 expositores que mostraron a súa satisfacción pola cantidade e calidade das citas de negocio mantidas cos 45 compradores e importadores de 23 países que participaban nesta edición.

Foron en total 720 reunións de negocio ás que hai que sumar as que xurdiron con algunhas das máis de 800 visitas de profesionais que se achegaron ata Expourense, xa que ademais da misión de importadores, participaron na feira profesionais da restauración, hostalería ou distribución do sector do mercado nacional.

A única feira do viño cen por cento profesional, de calidade e galega conclúe unha edición máis posicionada como unha ferramenta de saída ao mercado exterior para as adegas e cun formato de feira que funciona e está a dar moi bos resultados e que está baseado a encontros cara a cara ao redor dunha mesa á que sentan por unha banda o adegueiro que produce viños de calidade e, polo outro, e o potencial comprador nacional ou internacional que mostra preferencia polas variedades autóctonas, que valora a forma de producir viños das adegas de carácter familiar e que sabe o que busca e o que necesita para o mercado no que traballa.

Este salón puxo en contacto directo ás adegas participantes con importadores procedentes de 23 países (Alemaña, Bélxica, Brasil, Costa Rica, Dinamarca, España, Estados Unidos, Estonia, Filipinas, Finlandia, Guinea Ecuatorial, Irlanda, Italia, Lituania, México, Noruega, Países Baixos, Panamá, Polonia, Portugal, Reino Unido, Suecia e Suíza)

As citas entre expositores e potenciais compradores foron como sempre o eixo central desta feira na que tamén se celebrou un completo programa de actividades entre os que destacaron as catas comentadas dos viños brancos e tintos e dos licores e augardentes gañadores dos Acios de Ouro ou Potes de Ouro das Catas Oficiais de Galicia 2022 organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria- AGACAL.

Esta segunda xornada do salón foi tamén o momento elixido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), para presentar o seu novo monográfico, o número 11, sobre a sintomatoloxía das enfermidades no viñedo galego.

III Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae
Como é habitual, un dos momentos máis esperados polos expositores desta cita foi a entrega de premio da Cata Extraordinaria Ourense Vinis Terrae que celebrou xa a súa terceira edición. Estivo dirixida pola catadora galega Mercedes González e contou cun panel de cata integrado por expertos de distintos consellos reguladores galegos e catadores e enólogoes/enólogos de distintas partes de España. Nesta adega participaron en exclusiva as adegas expositoras presentando en total 88 referencias a concurso.

Categoría: Viños Brancos:- 1º premio: Máis de Cunqueiro Godello – Adegas Cunqueiro – D.O. Ribeiro. 2º premio: Eduardo Pena As Vista – Adegas Eduardo Pena – D.O. Ribeiro. 3º premio: Granbazán Etiqueta Ámbar – Adegas Granbazán – D.O. Rías Baixas.
Categoría: Viños Tintos: 1º premio: Inseparables – Adega EDV – D.O. Ribeira Sacra. 2º premio: Joaquín Rebolledo Mencía – Adegas Joaquín Rebolledo – D.O Valdeorras. 3º premio: Viñaredo Mencía – Adegas Santa Marta – D.O. Valdeorras.
Categoría: Outras “anadas”: 1º premio: As Covas – Adega EDV – D.O. Ribeira Sacra. 2º premio: Prómine Barrica – Adegas Petrón – D.O. Ribeira Sacra. 3º premio: Quinta Gaviñeira – Adega Anxo Sequeiros – D.O. Rías Baixas.

Durante o acto de clausura tamén foron entregados os premios do 1º concurso de cata cegas por equipos “Coñece os nosos viños”. Foi unha das novidades desta edición e contou coa participación dun total de 7 equipos que reuniron a máis de 20 profesionais da hostalería e restauración de Galicia fundamentalmente.

Equipos gañadores
1º premio: Equipo integrado por Carlos Alberto Olivera, Daniel Marín, Ramón Barreiro e Guillermo Díaz. Este equipo está integrado por catadores profesionais de recoñecidos restaurantes da provincia de Ourense e que foron reunidos en grupo por Casa Gazpara do Carballiño. 2º premio: Equipo integrado por Jordy Cabrera e Diego Dafonte. 3º premio: Equipo integrado por Ariana Álvarez, Igor Balboa, Tania González e Alexandra Puído.