Vilar de Santos estrea caixeiro automático

Para paliar a perda de servizos no rural

Vilar de Santos | Vilar de Santos contará dende hoxe cun novo caixeiro instalado na planta baixa do edificio consistorial. Un equipamento que é consecuencia do acordo asinado entre a entidade Abanca e a Xunta de Galicia para garantir a cobertura deste servizo no rural.

Vilar de Santos formará parte deste modo dos 36 municipios rurais galegos que contarán con este equipamento. Está previsto que o proceso de instalación remate no primeiro semestre deste ano 2022.

Representantes da entidade, acompañados polo alcalde, Antonio Míguez, e parte do seu equipo de goberno, supervisaban na mañá de onte a posta en funcionamento do caixeiro.

En palabras do alcalde, Antonio Miguez, “se queremos de verdade loitar contra o despoboamento no medio rural aquí temos que ter os mesmos servizos que existen nas cidades. Accións como esta permítenos seguir avanzando no desenvolvemento do concello e na mellora da calidade de vida presente de todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos, pero tamén garantir o seu futuro”.