VII Plan de Formación en Covelo

Con novos cursos para promover a inserción laboral

O Covelo | A concelleira de Emprego e Formación do Concello de Covelo, Lourdes Enes, informa que ata o vindeiro día 10 de outubro estará aberto o prazo de inscrición nos novos cursos do VII Plan de Formación. Co obxectivo de mellorar a formación das persoas e promover a súa inserción laboral, o Concello lanza a formación de carretilleira/o, a de acompañante de transporte escolar e de comedor escolar e a de manipulador/a de alimentos.

Tres novos cursos que se desenvolverán íntegramente no concello de Covelo para evitar os desprazamentos e facilitar a participación. Do 16 ao 18 de outubro e cunha duración de quince horas desenvolverase o curso de operador/ de carretillas elevadoras. En horario de tarde de 15:30 a 20:30 horas impartiranse as clases teóricas no auditorio municipal. As clases prácticas ofreceránse no mesmo horario pero na contorna do punto limpo municipal. Este curso terá un prezo de 6€ para persoas empadroadas e 18€ para as non empadroadas.

O curso de acompañante de transporte escolar e monitor/a de comedor terá unha duración de 30 horas. Cun horario de mañá de 9 a 14 horas celebrarase do 16 ao 23 de outubro na sala multiúsos do edificio de usos múltiples. O prezo para persoas empadroadas será de 12€ e para as non empadroadas de 36€.

O 16 e o 17 de outubro impartirase o curso de manipulador/a de alimentos cunha duración de dez horas en horario de mañá de 9 a 14 horas. As clases serán no auditorio municipal do Concello de Covelo e o custo de inscrición é de 6€ para empadroadas/os e 18 para o resto.

“Logo de realizar unha consulta coa cidadanía, ter en conta as observacións de orientación laboral e das academias de formación e investigar a demanda do mercado laboral, ofrecemos estes cursos cos que pretendemos mellorar non só o curriculum das persoas sen saír da súa contorna, tamén contribuír a que poidan atopar un traballo”, explica Lourdes Enes que engade que son cursos que capacitan ás persoas con coñecementos e destrezas requeridas polas empresas.

Lourdes Enes adianta que nos seis anos anteriores o Plan de Formación do Concello de Covelo contribuíu a mellorar o curriculum de arredor de 500 persoas incrementándose, ano tras ano, o interese e a participación.