Vigo estrea a súa nova estación de bus

A céntrica terminal de Urzáiz pon fin a 33 anos de traxectoria da antiga estación na Avenida de Madrid

Vigo | A nova estación de autobuses de Urzáiz, localizada nas dársenas da intermodal do Centro Comercial Vialia en Vigo, comezou a súa marcha este 17 de decembro con 130 viaxes, poñendo fin a 33 anos de traxectoria da antiga estación de buses da Avenida de Madrid.

A nova estación terá capacidade para acoller 500 operacións diarias e dous millóns de usuarios ao ano nas 30 dársenas localizadas na terminal. Por vez primeira, Vigo terá unha estación de bus que circule polo centro da cidade. A mesma comparte espazo coa estación de tren de Urzáiz dentro do CC Vialia, unha superficie comercial de 120 establecementos e 120.000 m2. A estación está deseñada para conectar coa área metropolitana de Vigo, as principais cidades galegas, a estación de trens do Eixo Atlántico e o futuro punto de operacións do AVE.

Na inauguración da estación de Urzáiz estiveron presentes a Delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro; o concelleiro de Fomento e segundo tenente de alcalde do Concello de Vigo, Javier Pardo; o voceiro do PP de Vigo, Alfonso Marnotes, entre outras autoridades.

A Xunta de Galicia investiu 18 millóns de euros na posta en marcha desta nova terminal que logrou concretarse tras asinarse en 2018 o convenio entre o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e ADIF.

Non obstante, a posta en marcha desta estación provocou fortes roces entre o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia. Previo á súa inauguración, o goberno local vigués dirixido polo socialista Abel Caballero prohibiu que os autobuses de gran tamaño podan circular sen permiso municipal pola rúa Cervantes baixo o risco de seren multados.

Por esta razón, o goberno autonómico galego debeu establecer de inmediato un novo percorrido baixando pola rúa Alfonso XIII cara García Barbón, e así conectar coas rúas Isaac Peral, Gregorio Espino e As Travesas, entre outras.

Dende a Xunta de Galicia critican que o Concello de Vigo non respondera a sendas comunicacións enviadas polo goberno autonómico entre xuño e xullo para coordinar a posta en marcha desta nova estación de buses. Por isto, durante a inauguración da terminal, Marta Fernández-Tapias cualificou de “sabotaxe” estas medidas do Concello vigués, lamentando que con esta prohibición os autobuses “teñan que circular durante máis tempo polo centro da cidade”. Toda vez, lembrou que os novos accesos permiten unha mellor comunicación da nova estación a través da autovía AP-9.

O acto de inauguración contou cunha notable presenza de vigueses e usuarios, os cales consideraron como “máis cómoda e segura” esta nova estación de buses.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.