Vigo deu inicio á campaña electoral do 23X

PSOE, PP e BNG realizaron os seus respectivos actos electorais

Vigo | A cidade olívica deu comezo á campaña electoral para os comicios xerais do vindeiro 23 de xullo (23X)

O primeiro en arrancar foi o PSOE, gobernante na cidade. No Centro Comercial Vialia, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, pediu que se faga “voto útil” concentrando os apoios no Partido Socialista para evitar “enorme retroceso” en “dereitos sociais e servizos públicos” que suporía un goberno conformado por PP e Vox.

Formoso estivo acompañado do alcalde de Vigo, Abel Caballero, así como dos principais candidatos do partido na provincia, como o cabeza de lista ao Congreso, David Regades, ou a cabeza de lista ao Senado, Carmela Silva. Destacou algúns dos logros realizados polo goberno socialista durante estes años, moitos deles vinculados a Galicia como a chegada do AVE, os abonos gratuítos de trens de media distancia, os contratos de fragatas para os asteleiros de Navantia ou garantir o subministro enerxético a Alcoa ou á planta de Stellantis en Vigo.

“É o momento” do PP con Feijóo
Ana Pastor, candidata do PP ao Senado, deu o ‘pistoletazo de saída’ da campaña electoral do PP en Vigo, acompañada pola presidenta do PP local e candidata ao Congreso dos Deputados, Marta Fernández-Tapias e de Irene Garrido, número 2 da lista electoral en Vigo nas pasadas eleccións municipais do 28M.

Baixo o lema “É o momento de volver a crer na política” co rostro do candidato do PP estatal Alberto Núñez Feijóo, e cumprindo co regulamento electoral, o PP vigués iniciou de madrugada a súa pegada de carteis no centro da cidade olívica.

O BNG con Carme da Silva: “o Si a Vigo”
Pola súa banda, a candidata do BNG por Pontevedra Carme da Silva destacou na pegada virtual de inicio de campaña que a candidatura do Bloque é a candidatura “do si a Vigo” e da defensa dos intereses da cidade.

Destacou que o obxectivo do BNG é darlle a Galiza un grupo galego forte no Congreso para facer valer o país en Madrid e frear a discriminación das forzas centralistas ,cun voto que vale dobre xa que defende a Galiza e a un tempo é muro de contención da dereita ultra do PP e á extrema dereita “fondamente antigalega” que quere eliminar dereitos e liberdades.

Acompañada do voceiro municipal Xabier Pérez Igrexas, de candidatas e canditatos e doutros cargos institucionais e orgánicos, Da Silva chamou á sociedade galega a mobilizarse e a dicir “basta de ser a ultima carta da baralla” reclamando que “é o momento de Galiza, de facer valer o noso ante o Goberno do Estado, con orgullo, con determinación”.