“Vigo debe pensar no futuro”

Rui Moreira, alcalde de Porto, durante un encontro na cidade olívica

Vigo | O Museo do Mar foi o escenario dun Encontro Vigo-Porto, iniciativa orientada ao diálogo entre ámbalas dúas cidades de importancia estratéxica para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e que contou coa participación do alcalde de Porto, Rui Moreira (CDS-PP) e a candidata do PP de Vigo e Delegada da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tapias.

O diálogo supuxo unha toma de contacto para discutir puntos de interese sobre a conexión do noroeste peninsular entre Vigo e Porto e o futuro de ámbalas dúas cidades. No acto estiveron presentes diversas autoridades locais nas que destacaron, entre outros, o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuíña, ex alcalde de Baiona e candidato do PP para ese Concello do Val Miñor nas eleccións do vindeiro 28M; e Jorge Cembreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP)

Fernández-Tapias e Moreira trazaron puntos en común sobre as estratexias de futuro de ámbalas dúas cidades, enfatizando no tema das infraestruturas, a Saída Sur e os retrasos no AVE Vigo-Porto, o Corredor Atlántico e as Autopistas do Mar, a atracción de investimentos e o fomento do emprendemento e do emprego, entre outros temas. Unha charla distendida enfocada en procrear unha “alianza necesaria”, tal e como a describiu Moreira, quen recoñeceu a importancia que tivo Vigo na súa familia, con períodos de estancia na cidade olívica e comentarios divertidos como “a felicidade que causou para nós, os portistas (polo Porto F.C, clube no que o propio Moreira foi no seu momento membro do Consello Asesor), aquela vitoria do Celta de Vigo ao Benfica por 7-0″ no estadio de Balaídos nunha eliminatoria de Copa UEFA en 1999. Por certo, antes do encontro, Moreira tamén visitou a sede do RC Celta de Vigo na céntrica rúa de Príncipe.

Os poñentes coincidiron na necesidade de “mirar as oportunidades de Vigo” a través do seu porto, a paisaxe natural das Illas Cíes e as Rías Baixas, a súa gastronomía e o importante efecto turístico do Camiño Portugués de Santiago, un aspecto no que ámbolos dous enfatizaron na súa “incomprensión” de que o alcalde Abel Caballero teña a Vigo “como a única cidade europea sen sinalización do Camiño de Santiago”, tal e como explicou Fernández-Tapias, quen non perdeu oportunidade para acusar a Caballero de “Xacobeofobia”. A candidata do PP de Vigo amosou a súa confianza e compromiso de que, para o vindeiro Xacobeo que se celebrará en 2027 (ano no que tamén se celebrarán eleccións municipais), Vigo poderá solventar estas carencias sobre o Camiño de Santiago.

Moreira, quen ademais é presidente Asociación Comercial do Porto, defendeu o AVE Vigo-Porto “por riba do AVE con Madrid” e reclamou “unha maior presión” por parte de Vigo ante o goberno central para “esixir o seu compromiso” na finalización destas infraestruturas vitais para o desenvolvemento do noroeste peninsular. Ámbolos dous avogaron polo “lobby” e a concreción dun marketing da cidade para promoverse no exterior. Moreira puxo como exemplo o feito de que Porto sexa hoxe a terceira das cidades europeas con futuro, de acordo a un ránking elaborado pola publicación británica Financial Times.

Neste diálogo, a sintonía era total co enfoque en propiciar iniciativas de potenciación dun eixe Vigo-Porto como motor de desenvolvemento no noroeste peninsular. Moreira foi enfático na súa mensaxe: “necesitamos unha alianza con Vigo e Marta é a nosa aliada”, un espaldarazo orientado a potenciar a candidatura da Delegada da Xunta para as eleccións deste 28M.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.